O Centro Dramático Galego, CDG, e Ainé veñen de iniciar os ensaios da súa produción Recortes, caneos e outras formas de driblar, coa que arranca a nova temporada 2022-2023 da unidade teatral da Xunta de Galicia. Baixo a dirección de Tito Asorey, o espectáculo ofrecerá un percorrido lúdico, crítico e musical polo mundo do fútbol, cun elenco formado por Manuel Cortés, Christian Escuredo, Xoán Fórneas, Isabel Garrido, Xosé A. Touriñán e Sergio Zearreta.
A proposta escénica estase a construír a partir da investigación do xornalista Nacho Carretero sobre a cara oculta deste deporte de masas, con dramaturxia de José L. Prieto e o asesoramento do propio Carretero, e chegará aos escenarios a partir do vindeiro 29 de setembro, data da súa estrea no Salón Teatro de Santiago de Compostela.
O equipo conta tamén con Sara Rey na asistencia á dirección, Vadim Yukhnevich na composición musical, José Faro Coti a cargo do espazo escénico, Laura Iturralde no deseño de iluminación e audiovisuais, Laura Baena no de vestiario e Rosa Moledo no asesoramento lingüístico.
Recortes, caneos e outras formas de driblar transitará entre o cómico e o dramático para recrear un de tantos partidos do século e todo o que o rodea, levando á escena xogadores, adestradores, xornalistas, directivos, seareiros e demais personaxes do espectáculo futbolístico. Trátase do primeiro dos tres títulos do plan de produción do Centro Dramático Galego para a nova temporada, na que quere apostar por novos e diferentes modelos de produción e distribución para chegar á maior cantidade de público posible e crear novas audiencias e sinerxías co sector.