in ,

Cena Lusófona publica a Antoloxía do Teatro Galego Contemporáneo con 12 obras en galego e portugués

Esther F. Carrodeguas, Raúl Dans, Luísa Villalta e Marcos Abalde entre os autores publicados

Antoloxía teatro galego cena lusofona
AveLina Pérez, Cándido Pazó, Vanesa Sotelo e Manuel Lourenzo. Imaxe: elaboración propia.

A Cena Lusófona presenta o vindeiro sábado en Coímbra, o último libro da súa colección de dramaturgia en lingua portuguesa. Publicada en dous volumes e nunha edición bilingüe galego-portugués, a Antoloxía do Teatro Galego Contemporáneo reúne 12 obras doutros tantos autores e un ensaio introdutorio asinado por Dolores Vilavedra.

Esta primeira sesión de presentación terá lugar a sábado 3 de setembro ás 18.00h, na Sala Jorge Pais de Sousa do Centro de Documentación da Cena Lusófona, nas instalacións da Asociación, no Patio da Inquisición.

A obra agora publicada está dividida en dous volumes que poden ser adquiridos separadamente, e conta cun total de 1.900 páxinas coas obras “Un hotel de primeira sobre o río”, de Xohana Torres, “O aniversario. Cerimonia de prantos e soluços”, de Euloxio R. Ruibal, “Días sen gloria”, de Roberto Vidal Bolaño, “Cando chega decembro”, de Manuel Lourenzo, “As certezas de Ofélia”, de Luísa Villalta, “Lugar”, de Raúl Dans, “Footing”, de Gustavo Pernas Cora, “As do Peixe”, de Cándido Pazó, “Judite”, de Marcos Abalde Covelo, “Pó e Batom”, de Esther F. Carrodeguas, “Nome: Bonita”, de Vanesa Sotelo, e “Ás sete da tarde, cando morren as nais”, de AveLina Pérez.

Publicidade

A escolla, que cobre un período temporal entre mediados do século XX ata a actualidade, foi asesorada por tres especialistas no teatro galego: as investigadoras e profesoras universitarias Dolores Vilavedra e Inma López Silva e a directora de escena Ánxeles Cuña Bóveda. As traducións do galego a portugués foron realizadas por Sofia Lobo e Zé Paredes.

A publicación do libro conta co apoio da Dirección Xeral das Artes, do Concello de Coímbra, do Ministerio da Cultura e Deportes do Goberno de España, da Deputación da Coruña, da Deputación de Lugo, da Xunta de Galicia, do Consello da Cultura Galega e da Asociación DramaturGa.

Os dous volumes desta Antoloxía son os décimo e undécimo da colección de teatro de lingua portuguesa “Cena Lusófona”, que inclúe xa obras de autoras e autores de Angola, Brasil, Cabo Verde, Guinea-Bissau, Mozambique, Portugal e San Tomé e Príncipe. A inclusión do teatro galego nesta colección insérese no reforzo dos lazos de intercambio entre a Galicia e os países da CPLP que a Cena Lusófona vén promovendo, en diversos dominios, hai case dúas décadas.

Na sesión de presentación en Coímbra dos dous volumes da Antoloxía estarán presentes Filipe Carvalho e Paulo Pires, en representación do Concello de Coímbra, a consultora e autora do ensaio introdutório Dolores Vilavedra, a dramaturga Vanesa Sotelo e os tradutores Sofia Lobo e Zé Paredes. A entrada é gratuíta.

Despois de Coímbra, a Antoloxía será presentada en Évora (día 10 de setembro, no Teatro Garcia de Resende) e, en datas a definir, nas cidades de Lisboa, Porto, Coruña, Lugo, Ourense e Vigo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Camiño Escena Norte 2022

Un Camiño Escena Norte máis ambicioso procura os sorrisos do público en 38 sedes

maruja mallo |

Cartografía en movemento