maruja mallo |
"Guía postal de Lugo" (1929) de Maruja Mallo.
in

Cartografía en movemento

Setembro, este mes no que case todo recomeza e, nalgúns casos, principia. Derradeiros estertores dun verán no que apuramos o lecer, do mesmo xeito que, a partir de agora, imos apurar os traballos e os días. Se cadra, porque non nos decatamos que con iso tamén estamos a apurar a vida, que se nos escorre entre os dedos igual que a auga en tempos de seca. Pero a puxante era tecnolóxica e o individualismo aumentado, que esta era acrecentou á xeira capitalista, consumista e de competitividade produtiva, dan nesa ansiedade na que estamos.

Para min este novo curso arrinca en Becerreá e Lugo, nas miñas paisaxes orixinarias, nunha “cartografía en movemento”, que é novidade e sorpresa feliz. A cidade de Lugo dos meus recordos dos anos 80 e 90 consiste en escenas, dalgún modo, mediatizadas pola muralla. A xoia arqueolóxica, histórica, que dá testemuño dun pasado romano esplendoroso, pero cuxa literalidade se vincula directamente, como a de calquera muro, coas fronteiras, os límites, a defensa e, en consecuencia, o medo. Un monumento militar que, co pasar dos séculos, se re-significou, aínda que o seu halo continuase vinculado a unha cidade pechada, máis conservadora no que atinxe ás artes escénicas.

Porén, desde hai uns anos, algunhas cousas, nese sentido, comezaron a mudar. Grazas á intercesión de poetas, como Nieves Neira Roca, ou de bailarinas como Cris Vilariño, por citar só dúas mulleres que coñezo, vinculadas ambas ás artes do movemento.

A programación municipal de danza contemporánea e artes do movemento, na que a coreógrafa Cris Vilariño traballa, dentro da marxe que ten, fixo que Lugo se abrise a formatos e experiencias artísticas alén das convencións do teatro clásico, do ballet, da danza neoclásica ou do tradicional. E facíalle moita falta, porque a danza contemporánea é pura creatividade e, neste senso pode reflectir e expresar os desacougos e as pulsións do presente.

A Asociación 3 Monos organiza o festival “Cartografía en movemento” que, neste setembro de 2022, chega a súa 11ª convocatoria. Unha “edición palíndroma” á que se sumou, xa desde a 10ª convocatoria do ano pasado, unha das compañías máis interesantes do panorama peninsular, afincada en Lugo: Colectivo Glovo, formada pola luguesa Esther Latorre e o portuense Hugo Pereira.

3 Monos e Colectivo Glovo regaláronnos unha 11ª edición de “Cartografía en movemento”, do 2 ao 4 de setembro, a miña primeira vez neste festival, que foi unha auténtica gozada.

Volvín a Lugo e encontrei outro Lugo. Un pobo des-murallado. No MIHL (Museo Interactivo da Historia de Lugo), un cento e medio de persoas acollendo, receptivas, participativas e agarimosas, propostas inhabituais de artes do movemento. Propostas moi abertas, as do primeiro día do festival, traballos en proceso, inacabados, que, sen dúbida, tamén axudan a abrir algo máis.

A primeira: ‘XERACIÓN Z’, de iXa e o alumnado de 6º ano do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo, con coreografía de Xián Martínez Miguel. Unha viaxe da uniformidade e o formato clónico, que a tecnoloxía, a globalización e o mundo dixital están a facer da xente nova, a un universo máis queer e sensual, menos maquinalizado e máis cálido e colorista. Todo isto en danza, cunha estética fresca e co pracer de ver un fermoso traballo coral.

A segunda proposta, ‘VELAR’ de Fran Martínez Buceta, foi unha invitación a entrar nunha atmosfera de intimidade. O espazo circular e branco, o perfume do romeu queimado, as dúas candeas, o libro, o chisqueiro, o teléfono coa voz contando impresións persoais, o computador portátil e o bate de béisbol, como elemento, este último, de contraste respecto a ese universo de suavidade e vulnerabilidade. ‘VELAR’, de cando estamos en vela, de velar a alguén… e até de pasar o veo, o misterio e o implícito, sen o que a arte se perde.


Publicidade

A terceira proposta, ‘MULTIPERSPECTIVAS#2’ (work in progress) de Paula Quintas, acompañada por Antón Coucheiro e Rut Balbís, foi un peche heterodoxo para a primeira xornada. O público formaba parte das posibilidades que, na interacción guiada por Coucheiro, podían xerarse con Paula e o seu belo e acrobático movemento, tanto no chan como nos cabos de aceiro do futurista e circense estaribel escénico. O circo e a danza conxugados coa improvisación. O dúo Quintas/Coucheiro posúe un grande potencial polo contraste entre os dous e polo humor que Coucheiro lle dá.

O sábado, diante da Praza de Abastos de Lugo, regaláronnos 4 pezas de danza con moito poderío.

‘MIÑA XOIA’ de Clara Ferrão. É a terceira vez que vexo este solo e emocionoume especialmente. Creo que foi porque Clara estaba máis próxima, máis cerca. A dimensión estética do seu movemento acrobático, amplificado polo vestiario, continúa sendo impresionante.

‘8 Km EN MULA’ de Álvaro Murillo é a segunda vez que a vexo e tamén continúa prendéndome dos seus movementos sostidos, dese zapateado que tensa a corda lorquiá de ‘Bodas de sangre’. Máxica mestura de elegancia, sensualidade, desafío e arrouto. Paixón afiada e, por riba do “fatum”, a graza final, ese canto (neste caso: baile) á vida sen muros.

‘ANÓNIMAS RAÍCES’ de Premoh’s Cru é un cuarteto que cruza flamenco con danzas urbanas, nun contemporáneo teatral no xogo con xestos cotiás, reelaborados dancísticamente e xogados en complicidade co público. Un derroche de simpatía e bo rollo.

‘BLUES DE MEDIANOITE’ de Alba Fernández Cotelo puxo o broche de ouro. Homenaxe ás grandes damas negras do blues e do jazz, nunha reivindicación directa da muller negra e da muller lesbiana. Musicalidade e plasticidade coreográfica, á que se suma Afonso Castro (recoñecido deseñador de iluminación) á guitarra eléctrica, nun peche a dúo rebordante de forza e poderío.

No domingo, o terceiro día, a alma da “Cartografía en movemento”. Sete propostas amadoras de diversa natureza, re-significando espazos emblemáticos da vella cidade, o Parque de Rosalía, a Praza do Cantiño, a da Soidade, a de Santa María, a Fonte do Pazo de Sangro e a Muralla.

Unha cartografía en movemento grazas ás artes vivas e á danza. Un xeito máxico, emocionante e poético de abrir unha cidade. Así comezou setembro!

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2024, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Antoloxía teatro galego cena lusofona

Cena Lusófona publica a Antoloxía do Teatro Galego Contemporáneo con 12 obras en galego e portugués

programacion fetega 2022

O FETEGA mantén a aposta polo teatro galego con catro días de programación