in ,

Un Camiño Escena Norte máis ambicioso procura os sorrisos do público en 38 sedes

‘Medran os sorrisos’ é o lema dunha cuarta edición máis consolidada

Camiño Escena Norte 2022
Foto: Aigi Boga

A cuarta edición de Camiño Escena Norte (CEN) expándese no seu compromiso de promover o intercambio escénico, artístico e profesional entre compañías de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e, este ano, tamén Navarra. Ao abeiro do lema Medran os sorrisos, Camiño Escena Norte 2022 contará cunha programación especial que se celebrará do 10 de setembro ao 9 de outubro, na que participarán 15 compañías de teatro, danza e novo circo mostrando os seus espectáculos nas 38 sedes desta edición do proxecto.

A edición de 2022 preséntase como a meirande das celebradas ata o momento en canto a actividades, compañías en xira e espazos, aos que se incorporan por vez primeira escenarios de Navarra e da provincia de Araba.  O compromiso de todas as entidades públicas e privadas implicadas fixo posible o despegue e a consolidación deste proxecto ata se converter nun programa integral de difusión das artes escénicas, que non só amplía e diversifica a oferta cultural das localidades polas que discorre, senón que dinamiza a circulación exterior das compañías e, xa que logo, está a contribuír á reactivación do sector.

No caso galego, no que o programa cultural conta co apoio destacado da Xunta de Galicia, a comunidade contará cun total de sete sedes en A Coruña e Lugo. Ames, Arzúa, Carballo, Lugo, Santiago de Compostela, Vilalba e Viveiro acollerán a representación de oito espectáculos, alén de diferentes actividades de contacto directo entre artistas e público ao finalizar as funcións, ou mesmo do encontro profesional Habitación Peregrina PRO (13 ao 15 de setembro en Lugo).

Intinerario Constelacións 2022

O eixo principal de Camiño Escena Norte é a programación de espectáculos denominada Itinerario Constelacións, que en Galicia presentará oito espectáculos doutras tantas compañías asturianas, cántabras, vascas e navarras, ademais de diferentes actividades de contacto directo entre artistas e público ao finalizar as funcións.

A primeira destas citas será o 10 de setembro na compostelá praza da Quintana con La Banda Teatro Circo (Navarra) e a peza Kimera. O día 29 a Capela da Madalena, en Arzúa, será o escenario da proposta infantil La niña de las trenzas al revés, de El Callejón del Gato (Asturias). Pola súa banda, o Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo acollerá o 29 de setembro a Erre Produkzioak (País Vasco) con Fake (trampantojo), mentres que o día 2 de outubro Escena Miriñaque chegará desde Cantabria para presentar Del otro lado.

O groso da programación galega desenvolverase xa na seguinte semana. Así, os días 7 e 8 de outubro, o espectáculo Mímesis, de Zig Zag Danza (Asturias), exhibirase en Ames e Vilalba, respectivamente, mentres que o sábado 8 poderanse ver tamén El Enjambre, da vasca Vaivén Producciones, en Viveiro, e La caja flotante, do navarro Ion Iraizoz, en Carballo no marco da programación do Festival Internacional Outono de Teatro. O 9 de outubro celebrarase o peche deste cuarto Camiño Escena Norte co espectáculo para público familiar El secreto de Julio Verne, de Fantastique Company (Asturias) na Cidade da Cultura.


Publicidade

Galicia exportará talento aos demais territorios grazas á representación das compañías Marta Alonso Tejada, co seu premiado espectáculo ‘Bailar AgoraFran Sieira Compañía de Danza, con ‘DeMente  e Pistacatro, con ‘Sonámbulo’. As tres compañías viaxarán nos meses de setembro e outubro, grazas a CEN 2022, a localizacións como Oviedo, Bilbao, Santander, Eibar, Vitoria, Laredo ou Viana para dar boa conta das súas propostas artísticas.

Bailar Agora de Marta Alonso Tejada
‘Bailar Agora’ de Marta Alonso Tejada. Foto Mila Ercoli

Residencias de creación e encontros

Como nas edicións anteriores, canda o Itinerario Constelacións convive o programa Camiño Expandido, que abrangue toda a actividade alén do circuíto de funcións. O crecemento desta cuarta edición reflíctese tamén no reforzo das residencias artísticas Cruzamentos, nas que están a participar as compañías galegas ButacaZero, Kirenia Danza e Olivas Negras, así como no aumento dos profesionais inscritos no encontro Habitación Peregrina PRO de Lugo ou na estrea da iniciativa ESADS no Camiño, un programa de colaboración coas Escolas Superiores de Arte Dramático (ESAD) de Galicia e Asturias e a de Arte Dramático e Danza de Euskadi, Dantzerti.

O alumnado das tres escolas entrará en contacto directo cos profesionais en activo que interveñen nesta cuarta edición do Camiño Escena Norte a través de encontros, obradoiros sobre diversas disciplinas artísticas e prácticas que lles permitirán coñecer, desde a proximidade, un día de traballo dunha compañía en xira.

Ademais, entre o 13 e o 15 de setembro, o Centro Cultural O Vello Cárcere de Lugo acollerá a terceira edición do encontro profesional Habitación Peregrina PRO, que conta con 44 compañías e distribuidoras inscritas, e no que participarán máis de 70 axentes do sector das cinco comunidades participantes (un 35% máis que en anteriores edicións).  Os focos de interese serán a xeración de sinerxías entre compañías e creadoras; a reflexión e formación arredor dalgúns  dos retos que afronta o sector escénico e as posibilidades de promoción, visualización e distribución das compañías nos distintos territorios de Camiño Escena Norte.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Cartografias do movemento en Lugo

O Festival Cartografía en Movemento celebra a súa 11ª edición

Antoloxía teatro galego cena lusofona

Cena Lusófona publica a Antoloxía do Teatro Galego Contemporáneo con 12 obras en galego e portugués