Redrum Teatro está a traballar xa no que será o seu 16º espectáculo teatral: Hamelin. A compañía iniciou a semana pasada a primeira quenda de ensaios no Auditorio da Illa de Arousa, recinto ao que regresará o equipo artístico en xaneiro para enfrontar a preparación final de cara á súa estrea o 23 de febreiro no Teatro Principal de Santiago. Esta será a segunda ocasión que a compañía adapte ao galego un texto de Juan Mayorga, autor teatral que neste 2022 recibirá o Premio Princesa de Asturias das Letras. Despois de traer á nosa lingua O mozo da última fila, Redrum escolle agora Hamelin, obra de 2005 pola que o dramaturgo recibiu o Premio Max ao mellor autor teatral.
Alex Sampayo encargarase da dirección e mais da adaptación da versión de Hamelin ao galego, que contará cun elenco conformado por sete intérpretes. Machi Salgado, Belén Constenla, Guillermo Carbajo, Mónica García, Roberto Leal, Rubén Porto e Fran Lareu subirán ao escenario para darlles vida as personaxes que habitan no texto de Mayorga. O Hamelin de Redrum conta co apoio da Xunta de Galicia a través das axudas á creación escénica e do Concello da Illa de Arousa, que acolle a Redrum para os seus ensaios.
Hamelin é unha proposta escénica que xorde a partir da versión máis escura do conto popular d’O fraustista de Hamelin para poñer o foco na infancia, así como nas diferentes formas que ten a sociedade de relacionarse con ela, o papel que xoga no seo do noso contexto social e as diferentes violencias que se poden chegar a exercer sobre a cativada. Unha obra de grande atracción que fai partícipe o público de constantes dicotomías contemporáneas sobre a culpabilidade, a inocencia, os erros colectivos, as invisibilidades, as realidades familiares ou as condutas individuais.
Trece anos de Redrum Teatro
A compañía Redrum Teatro dedícase á produción e distribución de espectáculos e á edición de libros dende o ano 2009. Dende a súa fundación, a compañía levou a escena obras para o público familiar (Moito Conto, Roedores, A nena que quería navegar ou Contos do recreo) e diversos espectáculos para adultos, entre as que cómpre destacar Currículum vitae, Noiteboa, A canción do Elefante, Idiota, O mozo da última fila ou Invisibles, montaxe esta última galardoada cos Premios María Casares á dirección, á iluminación e o texto adaptado en 2019. Para a que será a súa décimo sexta montaxe, Redrum Teatro escolle Hamelin, de Juan Mayorga.