in ,

A lucense Ítaca Teatro estrea a versión en castelán de ‘Cinco minutos sen respirar’

Cinco minutos sen respirar de Ítaca Teatro
"Cinco minutos sen respirar" de Ítaca Teatro

A compañía lucense Ítaca Teatro estrea o próximo 26 de novembro a obra Cinco minutos sen respirar na súa versión en castelán. A función será no teatro Gullón de Astorga, no marco da programación do Concello para conmemorar o 25N, Día internacional contra a violencia de xénero.

Cinco minutos sen respirar é unha adaptación da obra homónima do dramaturgo contemporáneo venezolano Gustavo Ott, dirixida por Carlos Neira, que profunda na necesidade humana de imaxinar ficcións para fuxir da realidade. Fala das segundas oportunidades, a procura do amor a través da solidariedade e o rol liberador da literatura fronte ao abuso, contadas por dous personaxes que buscan algo de poesía que dea dignidade ás súas vidas; Margarita, unha ex-empregada de banca, e Víctor, supervisor nun supermercado, interpretados por Elea López e Carlos Rebolo.

Montada orixinalmente en galego en 2018 e presentada ata o de agora sempre neste idioma, o público terá a oportunidade de vela por primeira vez en castelán o día 26 en Astorga.

Ítaca Teatro: Carlos Rebolo e Elea López

A compañía profesional Ítaca Teatro creouse en Lugo en 2018, produto do reencontro de Carlos Rebolo e Elea López, ambos con formación en distintas disciplinas escénicas e con varios anos de experiencia actoral e de dirección noutras compañías.

Ítaca Teatro xorde do compromiso de ambos por poñer en marcha un proxecto inspirado nos principios de gozar do proceso creativo e, ao mesmo tempo, ter a liberdade necesaria para afrontar propostas nas que conflúan o interese do público e a satisfacción dos actores da compañía de facer o teatro que lles apaixona.


Publicidade

Neste primeiros catro anos de traxectoria Ítaca Teatro produciu catro espectáculos que mantén en cartel, Cinco minutos sen respirar, Formigas no peto, Anacos e Alma de grilo. Formigas no peto é unha intimista e emotiva proposta teatral, na que conviven a narración oral, o teatro de actor e o teatro de imaxe. Está baseada no traballo de narrador e de improvisación do seu protagonista, Carlos Rebolo, que viaxa por momentos e lugares da súa infancia, salpicados de recordos, de tal forma que no escenario, o narrador deixa paso ao actor e ambos convidan o intérprete a xogar. A obra profunda na capacidade do teatro para comunicar e transmitir emocións e dá un paso máis na experimentación con códigos contemporáneos, ofrecendo un universo onírico onde a realidade mestúrase con imaxes icónicas do legado literario e audiovisual que xa forman parte do imaxinario colectivo. Trátase dunha creación colectiva e de dramaturxia propia, realizada por Ana Carreira e José Campanari.

Anacos é unha proposta de narración oral en estado puro, unha sucesión de historias vividas, escoitadas ou construídas no imaxinario popular, contadas tamén por Carlos Rebolo. Esta produción conta co asesoramento externo de José Campanari, actualmente retirado dos escenarios como actor e contador de historias, pero moi activo no seu labor de colaborador con Ítaca Teatro e outras compañías.

E Alma de grilo, a máis recente produción de Ítaca, é unha fábula contemporánea sobre a complexa condición humana, un espectáculo con música en directo de Vadim Yukhnevich, pensado para poñer en escena en espazos non convencionais.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Escoitade teatro

Teatro Escoitade: 50 anos por un teatro cívico

Premio manuel maria

Excéntricas gaña o Certame Manuel María e porá en escena ‘Auto do Castromil’ en 40 concellos galegos