in , ,

Excéntricas gaña o Certame Manuel María e porá en escena ‘Auto do Castromil’ en 40 concellos galegos

O premio inclúe a produción da obra e unha xira con 40 funcións nos concellos de Galicia

Premio manuel maria
Quico Cadaval recollendo o premio do Certame Manuel María. Foto: Fundación Manuel María

O Salón Teatro de Santiago de Compostela serviu de escenario para a entrega do premio correspondente á 3ª edición do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais que 3ª edición recaeu na compañía Producións Teatrais Excéntricas polo seu proxecto Auto do Castromil realizado sobre a obra homónima de Manuel María. A proposta será dirixida por Quico Cadaval e o elenco está composto por Víctor Mosqueira, Evaristo Calvo, Patricia Vázquez e Rocío González acompañados de Carlos Alonso na escenografía, Piti Sanz no espazo sonoro e Octavio Mas na iluminación.

Convocado pola Fundación e Casa-Museo Manuel María, o Certame Manuel María de Proxectos Teatrais conta coa colaboración das Deputacións da Coruña, Lugo e Ourense; do Centro Dramático Galego; das Mostras de Teatro de Ribadavia, Cariño e O Carballiño e de 33 concellos galegos: A Coruña, As Pontes, Ames, Arteixo, Barbadás, Betanzos, Brión, Cangas, Cambados, Carballo, Cariño, Carral, Cedeira, Culleredo, Gondomar, Lugo, Malpica, Melide, Monforte, Neda, O Barco, O Carballiño, Oleiros, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Ribeira, Sada, Santiago, Tomiño, Verín e Vilalba.

O xurado decidiu o premio por unanimidade e cualificou o proxecto como “brillante e imaxinativo, recuperando propostas contidas no Teatro de Máscaras de Otero Pedrayo, un dos textos máis visionarios no deseño dun teatro de vangarda propiamente galego”. Resaltou, ademais, que “a obra presenta unha gran capacidade de chegar a un espectro de público moi amplo, incluído o público escolar, pola súa mistura de estilos, o xogo cos obxectos e os materiais propostos, aventurando un espectáculo singular que promete poética e humor”. Tamén valorou o xurado que a proposta gañadora “presenta unha estética con capacidade de intervir na sociedade contemporánea recollendo os valores da obra de Manuel María que combina a vangarda coa cultura popular.” Finalmente salientou que “a compañía Excéntricas está constituída por un equipo artístico sólido, contrastado e de alta calidade que resulta unha garantía para o desenvolvemento dun espectáculo atractivo de xogo escénico, comprometido, de humor e poesía”.

O xurado estivo presidido polo dramaturgo e actor Manuel Lourenzo, actuando de vogais María Barcala de Teatro do Atlántico, Fernando Dacosta de Sarabela Teatro, Mónica Camaño, actriz e Manuel Xestoso, crítico teatral. Realizou a función de secretario, sen voto, Alberte Ansede en representación da Fundación Manuel María.


Publicidade

Certame Manuel María

Este Certame ten carácter bienal e está destinado ás compañías profesionais galegas. Nel prémiase a mellor proposta escénica dunha obra de Manuel María, co compromiso por parte da compañía gañadora de levala á escena no prazo máximo de 10 meses. Despois estará en cartel cando menos até rematar o ano 2024.

O premio inclúe a amplísima xira da obra pois partirá con 40 representacións grazas á colaboración das Deputacións, concellos e diferentes Mostras de Teatro. Ademais diso a propia Fundación achega 4000 euros como axuda á produción e o CDG coproduce o espectáculo. O presidente da Fundación Manuel María, Alberte Ansede, resaltou precisamente o feito de que este é un galardón moi singular en canto que “o mellor recoñecemento para unha obra é a súa difusión pois, ao fin, é o que máis desexa unha compañía profesional: chegar ao seu público.”

O encargado da entrega do Premio foi o propio Alberte Ansede, sendo recibido por Quico Cadaval, director da obra premiada. Estiveron acompañados por Fran Núñez, Director do Centro Dramático Galego; por Mercedes Rosón, concelleira de Cultura de Santiago de Compostela e polo xurado ao completo.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Cinco minutos sen respirar de Ítaca Teatro

A lucense Ítaca Teatro estrea a versión en castelán de ‘Cinco minutos sen respirar’

Mortais e vulnerables de Furia Sotelo

Mortais e vulnerables