in ,

Dúas montaxes galegas optan a mellor espectáculo internacional da crítica de Uruguai

Karelu e O charco de Ulises son finalistas dos Premios Florencio 2022

Karelu e O charco de Ulises Premios Florencio Uruguay

Karelu, da compañía coruñesa Os Náufragos Teatro e O charco de Ulises do CDG optan aos Premios Florencio 2022. Os galardóns que outorga a Asociación de Críticos Teatrales de Uruguay, que celebra este ano o seu 60 aniversario, conta coas dúas montaxes galegas como finalistas na categoría de mellor peza estranxeira.

A gala dos Premios Florencio se celebrará o 5 de decembro en Montevideo, onde as montaxes galegas competirán con outras dúas propostas que optan ao premio, as arxentinas Mi nombre es Eva Duarte, de María Belén Pistone (El Cuenco Teatro) e Una, de Giampaolo Samás (Luigi Pirandello).

Karelu, unha obra sobre o maltrato infantil

Karelu está escrita e dirixida polos coruñeses Ismael G. Candal e Gustavo del Río, na que abordan o maltrato infantil e a historia familiar de dous irmás. En xaneiro de 2022 a peza estivo programada no Espacio Teatro de Montevideo co apoio dos Fondo Xacobeo 21-22 e o respaldo da Secretaría Xeral da Emigración.

Karelu segue recibindo o recoñecemento con este nomeamento internacional pois xa o actor Denís López foi finalista na categoría de mellor actor nos Premios María Casares 2020 polo papel que interpreta neste drama sobre relacións familiares, educación e violencia.


Publicidade

Este ano 2022, a compañía Os Náufragos Teatro recibiu o Premio María Casares ao mellor espectáculo para o público infantil e familiar por Hugo, unha peza sobre a empatía e o valor da diferenza que fala do trastorno do espectro autista (TEA) e que está en xira por Galicia e o resto do Estado.

O charco de Ulises, un mito sobre a emigración

O charco de Ulises, é un espectáculo de gran formato dirixido por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, que marcou o inicio dunha nova etapa no CDG a través dun modelo de traballo con cambios substanciais nas dinámicas de produción e distribución.

A obra sitúa o clásico de Homero nun contexto transatlántico. A trama do texto escrito por Cortegoso en 2010, dentro do programa Iberescena e nos talleres de dramaturxia do CDG, discorre en paralelo á Odisea, xerando un diálogo co mito orixinal para tratar o fenómeno da emigración galega cun marcado compoñente poético. Ulises permanece errante durante dez anos viaxando de illa en illa, vivindo aventuras inesquecibles, entre suculentos banquetes e fermosas mulleres. A idea do regreso á patria non o abandona nunca, pero a súa vida non había transcender se non saíra dela. Así, a proposta muda Ítaca por Galicia, Troia por Buenos Aires e o Mediterráneo polo Atlántico.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Pezas dun teatro do porvir - Amparo Martínez - ChamizoBelloVila - Ana Abad de Larriva

Galicia e Portugal mostran os espectáculos que virán no V Festival Pezas dun Teatro do Porvir

Facer Memoria Berrobanbán

As vivencias e historias da veciñanza soben a escena no peche de Facer Memoria 2022