in ,

As ás das marxes

(dúas pezas do FIOT 2022)

anxela blanco |
Xeografía dos corpos, de Ánxela Blanco e Simone Romanò. Foto FIOT 2022

Sempre fun de marxes. Cada vez máis. Cada vez atráenme máis as propostas híbridas, alternativas, fronteirizas.  Aquelas que arriscan e experimentan, que mesturan linguaxes, que emanan de verdades imposibles de ocultar.

É nese cruce de estradas secundarias onde nacen, ao meu ver, os proxectos artísticos máis auténticos e interesantes, máis esixentes na súa recepción e que moitas veces reflicten mellor a complexidade humana.

Un dos logros máis loables do FIOT de Carballo é que sabe conxugar de maneira natural e moi equilibrada proxectos, opcións e espazos do máis diverso. Das orelas abismais do Festival conmovéronme especialmente nesta edición dúas intervencións de carácter interdisciplinar vertebradas pola danza e en diálogo con outras artes: ¿Podemos hablar de Caetano?, de Natalia Fernandes, e Xeografía dos corpos, de Ánxela Blanco e Simone Romanò.

¿Podemos hablar de Caetano? Medra, interrogante, desde a periferia de São Paulo coma un berro desatado, co delay do vaivén oceánico, atravesando favelas ata este outro lado do Atlántico. A pregunta móstrase aínda en proceso, como resultado das Residencias Paraíso. Feito, por certo, que a artista sitúa ao seu favor, invitándonos a imaxinar o que queda por construír da maneira máis literaria posible.

O primeiro descubrimento da investigación en curso, expresa Natalia Fernandes escena mediante, é que a Caetano Veloso non se pode concibir desde unha única perspectiva. É unha figura, por tanto, poliédrica que cómpre abranguer na súa multiplicidade.

Nun alarde de coherencia coa aludida concepción, a coreógrafa e intérprete transfórmase en cada intervención. Tomando o formato concerto como un fío condutor, exhibe unha playlist cuxas pistas implican unha metamorfose absoluta e supoñen sempre un pretexto para falar do seu país de orixe, a quen declara un admirable amor.

A partitura inicial comeza con patróns de movemento máis pautados, que se van abstraendo e acelerando ata desconfigurarse por completo. Transita logo por momentos dunha sensibilidade exquisita que escriben no espazo poesía aérea. Outros temas rompen por completo esa delicadeza e precisión para liberar o corpo entre as raíces do carnaval brasileiro. A bossa nova chega a tecerse coa sensualidade radical do tuerking, co cromatismo das películas de Almodóvar ou coa rebeldía desafinada e underground do punk.

Esa linguaxe menos verbal trénzase ademais cunha oralidade na que navegan fonéticas tamén heteroxéneas. Como as rutas líricas das aves migratorias, traen a historia viva dun país co que estamos profundamente conectadas. Natalia vai así relatando crónicas dun Brasil que ten, como Caetano e como a peza que pregunta se pode falar del, infinitos rostros.

Facer da diversidade virtude é o exercicio máis xeneroso co que deberamos afrontar o século XXI. Fronte ao estatismo das visións monolíticas que nos ameazan, urxe buscar sempre a alguén que, como Natalia Fernandes ou Caetano Veloso, nos inviten a danzar. Aínda cando “o carnaval non sexa alegre”, cómpre sacar a bailar.


Publicidade

Dancemos, como Ánxela Blanco e Simone Romanò, coa Xeografía dos corpos. Unha orografía xeométrica cuxos prismas se proxectan na composición dun poema visual que presenta unha vertente máis conceptual e outra física.

Esta última materialízase nunha arquitectura móbil formada por triángulos que coas artistas van compoñendo paisaxes en constante transformación. A outra, máis conceptual, complétase coa atmosfera musical e escénica creada, dentro e fóra da mente e os sentidos do espectador. Os panoramas son semellantes na súa dimensión tanxible pero resultan infindos no horizonte de cada maxín.

As figuras triangulares, os prismas, foron acollendo signos totalmente diferentes, desde gaiolas que encerran corpos con movementos máis limitados, ata materiais onde apoiar as extremidades para estourar en brincos circenses e incluso pontes funámbulo. Paralelamente, dan man, as emocións transitaban desde unha aura con peso máis transcendente, solitaria e grave, ata a disgregación desa unidade por medio da risa, do xogo constante, da interacción das dúas mulleres en escena.

As extremidades ían abríndose, relaxándose, e os prismas de aceiro semellaban desfacer a luz en cores cando a corporalidade era máis flexible, os movementos máis amplos e, sobre todo, cando aumentaba a comunicación de quen danzaba entre si e en relación co público.

En efecto, esa implicación chegou ao cume cando pediron a colaboración de dúas espectadoras para equilibrar todos os prismas ata formar unha arquitectura inédita. Sen querer, esa estrutura facía danzar tamén os corpos de quen axudou. Para repartir os pesos, para que nada caera, as nosas extremidades expresáronse con sutileza e precisión; para termar do ferro armamos os músculos con tensión; para contrapesar o conxunto, actuamos conxuntamente, nunha coreografía que nos converteu en auga e cordilleira, en versos dun poema que nunca se vai repetir dúas veces do mesmo xeito.

Compuxemos, en definitiva, as ás dunhas marxes en proceso de metaformose, un organismo con simboloxía triangular que non volverá á crisálida nunca máis. Ante a ameaza dun pensamento único, central, urxe buscar con quen danzar.

Longa vida ao voo sen lindes do FIOT!

Rosalía Fernández

Rosalía Fernández

Rosalía Fernández Rial (1988) é licenciada en filoloxía, doutora en didáctica das linguas USC e ten formación en artes escénicas e musicais. Pero, sobre todo e desde moi nova, dedícase á escrita. Como poeta ten publicados os seguintes libros: 'En clave de sol' (2009), 'Átonos' (2011), 'Vinte en escena' (2012), 'Un mar de sensacións' (2012), 'Ningún amante sabe conducir' (2014), 'Contra-acción' (2016) ou 'Sacar a bailar' (2016) e 'Árbores no deserto' (2020). Como narradora publicou o libro de relatos 'Bonus track' (2018) e no ámbito do ensaio destaca o traballo 'Aulas sen paredes' (libro-DVD, 2016), onde experimenta coa expresión dramática e teatral como ferramentas pedagóxicas para o ensino e aprendizaxe de linguas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Artista facendo un espectáculo con lume, por Andrea Bertozzini

Sobre a liberdade da comedia

'Recortes, caneos e outras formas de driblar' do CDG & Ainé Producións. Foto de Aigi Boga.

A pseudocrítica en ‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’