in

Palcos Disidentes

A disidencia como resposta á inestabilidade

96595809 6. aquilesdescubiertoporulisesydimedespedropablorubens16171618 |
Aquiles descuberto por Ulises e Diomedes (1617-1618), Peter Paul Rubens. Museo del Prado (Madrid). Detalle.

Recibo o convite “online” para asistir aos Palcos Inestáveis do Teatro Rívoli de Porto e penso na inestabilidade dunha profesión –a nosa– que no noso país depende, na súa meirande parte, dun sistema de axudas que, á súa vez, depende dunha política orzamentaria que, á súa vez, depende dos vaivéns socioeconómicos mundiais, guerras alleas e pandemias mediante.

Penso tamén na inestabilidade dunha profesión –a nosa– que está exposta á censura do seu traballo, segundo lle pareza á política de ocasión, como vén de acontecer coa cancelación da estrea de Muero porque no muero, a peza de Paco Bezerra, desbotada dos Teatros del Canal de Madrid, dirixidos por Blanca Li e dependentes da Comunidade de Madrid.

Penso que, nesta profesión tan inestábel –a nosa–, a nosa estabilidade depende, realmente, de nós mesmxs e do compromiso que teñamos co noso traballo que, finalmente, non é outra cousa que unha aposta por nós, un exercicio de autoconfianza e tremendo amor propio.

Por iso, penso, é tan importante a existencia dos palcos disidentes, espazos onde poder ofrecer o noso traballo coa maior liberdade posíbel. Unha liberdade –de experimentación, de discurso, de mirada, de método… – que nos espazos máis “normativos” non é sempre tan aberta como desexariamos.

Palcos disidentes que vén de nomear Nico Elsker no seu artigo para erregueté “Do pequeno, do teatro que non se ve” e que a min me fai pensar no contrario, na necesidade de que este teatro sexa grande, visíbel.

Na comunidade LGTBIQ+ sabemos que a visibilidade é un asunto prioritario, que non só normaliza a nosa presenza “mainstream”, cando estivemos sempre relegadxs ás marxes (lugar onde, as máis das veces, acontecen as cousas máis interesantes), senón que nos achega dignidade e respecto persoal: estou aquí, non son menos que ninguén.


Publicidade

Por iso, neste artigo de final de ano, un 2022 tan inestábel por outra banda, reflexiono sobre a presenza de espectáculos LGTBIQ+ sobre os palcos máis “estábeis” do noso país e penso na nosa precariedade. Logo dun 2021 cuns Premios María Casares ao Actor Protagonista e ao Texto Orixinal a Microspectivas dun Marica Millenial, por exemplo, ou do tremendo éxito de Elisa e Marcela d’A Panadaría, onde están as pezas que poñan a nosa mirada nos escenarios?

Penso, por exemplo, no “teatro familiar” e para crianzas. Penso, por exemplo, no anuncio que busca pezas novas para o vindeiro Corufest. Onde é que estamos? Que estamos a facer?

Porque a responsabilidade de estar é nosa. Máis aló de guerras eslavas, de peaxes sabotadoras da economía, de inxerencias políticas e/ou xudiciais, a nosa capacidade de poñernos enriba dunhas táboas e dicir o noso discurso permanece inalterábel, porque é nosa e de ninguén máis. E, precisamente, nuns tempos nos que se volven a discutir os nosos dereitos fundamentais é perentorio que os palcos, disidentes, inestábeis ou como sexan, estean cheos de miradas diversas que fornezan realidade –unha realidade social indiscutíbel– ao noso panorama teatral.

Cómpre, pois, preguntarnos por que a nosa visibilidade está –ao meu parecer– menos presente e se isto nos fai máis ou menos “inestáveis”.

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

IMG 20221223 WA0067 |

Queridas Raíñas Magas

'Recortes, caneos e outras formas de driblar' do CDG & Ainé Producións. Foto de Aigi Boga.

Os textos dos últimos dous espectáculos do CDG xa forman parte da colección O papel do teatro