in ,

Teatro do Noroeste lévanos aos anos 60 en ‘Último verán en Santa Cristina’

A obra poderá verse no Teatro Rosalía de A Coruña o venres 20 de xaneiro, ás 20.30 horas

Último veran en Santa Cristina de Teatro do Noroeste
Último veran en Santa Cristina de Teatro do Noroeste

A lonxeva compañía de teatro galego Teatro do Noroeste regresa á cidade da Coruña para presentar o seu novo espectáculo, Último verán en Santa Cristina, o venres 20 de xaneiro, ás 20.30 horas, no Teatro Rosalía Castro. A peza de teatro político, con tintes autobiográficos, firmada polo dramaturgo Eduardo Alonso, está ambientada nos anos 60 e aborda as sensibles e conmovedoras lembranzas dun neno que vive a súa infancia na España franquista.

No texto, un rapaz de 12 anos realiza o tránsito da adolescencia á madurez, descubrindo a natureza da vida e da morte, a esencia do amor e do sexo e, sobre todo, un terrible segredo que oculta a súa familia de militares franquistas. Teatro do Noroeste regresa deste xeito á cidade herculina cunha proposta protagonizada por Xavier Estévez, Luma Gómez, Miguel Pernas, Maxo Barjas e Manuela Varela.

Un verán de 1960

Último verán en Santa Cristina conta o acontecido a un rapaz de 12 anos que, no ano 1960, pasa o seu último verán nunha praia preto da cidade na que vive. Moitos anos despois, cando xa é un home adulto, recibe unhas cartas supostamente propiedade da súa nai xa morta e, na lectura destas cartas, rememora o acontecido entonces.

Como é fillo de militar, o rapaz vive especialmente os acontecementos da sociedade franquista da época: os desfiles na praza da cidade que coinciden coa estancia de Franco no Pazo de Meirás, a poucos quilómetros de onde el veranea. Entre os seus propios recordos, moi escorados nas lembranzas relacionadas co seu paso de neno a adulto, e as cartas agora coñecidas vai descubrindo a relación da súa propia nai, a muller do militar, cun antigo amigo da xuventude, agora fuxido e enrolado na última partida de guerrilleiros antifranquistas que aínda fica activa en Galicia nese ano de 1960.


Publicidade

Para o protagonista, agora un adulto, a lectura das cartas e os recordos non moi precisos que aínda conserva de aqueles anos, dos que pasaron xa máis de trinta, vanlle descubrindo as relacións triangulares da súa nai, o seu pai e o partisano que, inevitablemente, rematarán en traxedia.

Teatro do Noroeste: toda unha vida

Teatro do Noroeste é unha compañía de teatro galega fundada en 1987. Na súa dilatada traxectoria de máis de 35 anos, ten producido e distribuído unha grande cantidade de espectáculos. Entre estas pezas se poden salientar desde textos clásicos, como Rei Lear, Macbeth ou Noite de Reis, de William Shakespeare, ou As vodas de Fígaro, de Caron de Beaumarchais; até textos máis contemporáneos, como Os Xustos, de Albert Camús; ou de autores galegos, como Historias Peregrinas e A grande noite de Fiz, de Miguel Anxo Murado, e Unha rosa é unha rosa, de Suso de Toro, ou o musical Imperial: Café cantante. Vigo 1936, de Eduardo Alonso, entre outros.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

photo 1567351344506 b2e8a94e273b |

Conciencia

erreguete 104 e libros

Presentación da erregueté en Compostela