in

Presentación da erregueté en Compostela

O Salón Teatro, acolle o acto este mércores 11 de xaneiro, ás 20h.

erreguete 104 e libros

Este mércores, 11 de xaneiro de 2023, preséntase o número 104 da erregueté |Revista Galega de Teatro e o terceiro libro da súa colección de dramaturxia, coas pezas Lenda escandinava de Manuel Lourenzo e Paxaros no cabo de Clara Gayo.

A presentación vaise celebrar no Salón Teatro de Compostela, sede do Centro Dramático Galego, ás 20h., con entrada de balde.

No acto, ademais de estar convidadas as institucións que colaboran coa revista, tamén van intervir membros do seu Consello de Redacción, como Roberto Pascual e Roi Vidal Ponte; da Dirección, Ana Abad de Larriva e Afonso Becerra; e de Pista Catro Produtora de Soños, que foi a compañía que estreou Paxaros no cabo, a primeira peza de circo e danza vertical con texto, Belén Brandido, José Expósito e Clara Gayo. Ademais, Iván Fernández, membro do Consello de Redacción da revista, dirixe e actúa nunha lectura teatral dun fragmento de Lenda escandinava de Manuel Lourenzo, xunto a Rubén Sotelo Crego, Mía Swaann e Ánxela Doel.

O sumario da revista en papel e a toda cor, abrangue artigos de máis dunha vintena de espectáculos estreados no segundo semestre de 2022; unha sección de Memoria, dedicada a Roberto Vidal Bolaño; unha de Danza e artes de movemento, na que se nos adiantan as coproducións do Coreográfico e se repasa o festival Cartografía en Movemento de Lugo; unha sección de Ópera na que se aborda a creación de Loba branca de Brais González e que se complementa, na sección de Espectáculos, co artigo sobre Papagena de Iago Hermo; unha sección de Monicreques e teatro de obxectos, sobre Titiriberia e sobre os corenta anos de teatro de títeres en Galicia; en Escena Aberta abórdase o proxecto Nós /Nous da ESAD de Galicia, xunto ás escolas oficiais de arte dramática de Lisboa, Porto e Lion e os teatros públicos do CDG, Salón Teatro, Teatro Nacional Dona Maria II, Teatro Nacional São João e Théâtre des Celestins, entrevista con Diego Chamizo sobre a nova creación, unha análise da programación de Vigocultura e do FIOT de Carballo, un artigo sobre a escena galega no festival de Almagro; na sección de Investigación analízase a estética do intrasubxectivo nas artes escénicas galegas; na sección de libros hai recensións das publicacións do CDN e do CDG, así como do último Premio Laudamuco, Dentes de coello de Paula Carballeira; AISGE achega un artigo sobre o seu traballo actual; e péchase o número 104 coa sección Proscenio, na que se poden encontrar unha crónica sobre o encontro que se celebrou na última MIT Ribadavia sobre o teatro interxeracional, e o pregón de Clara Gayo para a MITCF de Cangas, sobre comedia e liberdade.


Publicidade

A presentación do número 104 e do libro, este mércores, 11 de xaneiro, no Salón Teatro de Compostela, ás 20h. é un acto de celebración e tamén de apoio á existencia da única revista de artes escénicas que temos en Galicia. Unha revista que, neste 2023, cumpre corenta anos, desde aquel Boletín de Información Teatral, que saíra en 1983.

A redacción desta revista, que é vosa, anímate a facer acto de presenza.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Último veran en Santa Cristina de Teatro do Noroeste

Teatro do Noroeste lévanos aos anos 60 en ‘Último verán en Santa Cristina’

Relato para un incendio por aAntena

‘Relato para un incendio’: unha historia de piromanía e bruxería