in

O CDG reestrea ‘A contenda do río Miño’

O Salón Teatro acollerá nove funcións entre hoxe e o 5 de febreiro

A contenda do río Miño
'A contenda do rio Miño'. Foto: CDG.

O Centro Dramático Galego e a Companhia de Teatro de Braga reestrean hoxe no Salón Teatro de Santiago a súa produción A contenda dos labradores de Caldelas ou Entremés famoso sobre a pesca do río Miño (A contenda do río Miño), versión da peza teatral escrita en 1671 por Gabriel Feixóo de Araúxo e da que se cumpre o 50º aniversario da súa primeira posta en escena pola compañía coruñesa Teatro Circo, da man de Manuel Lourenzo e José Estruch.

A montaxe, que leva á escena a que é primeira peza teatral en lingua galega da que se ten constancia, estará en cartel dende hoxe ata o domingo 5 de febreiro. A contenda do río Miño conta conta cun elenco internacional, con intérpretes galegos e de fala portuguesa, formado por Rogério Boane, Sílvia Brito, Carlos Feio, Eduarda Filipa, António Jorge, Grasiela Müller, Aisa Pérez, Valentina Picciau, Solange Sá e Fran Núñez, director do CDG, quen asumiu tamén a dirección artística co apoio dramatúrxico de Rui Madeira, director da Companhia de Teatro de Braga.

Diálogo creativo con Portugal

En 2021 a boa relación creativa coa Companhia de Teatro de Braga propiciou a produción ad hoc d’A contenda do río Miño para a súa estrea no Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro, coincidindo coa participación de Portugal como país convidado nesa edición. No verán desde ano escenificouse, ademais, en Ribeira de Caldelas (Tui), lugar onde está ambientada esta peza sobre as liortas pola pesca a ambas beiras do río, en Braga e na Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas.

A Agadic recupera agora este espectáculo para ofrecerlle ao público galego unha nova oportunidade de se achegar “a unha interesante historia sobre as fronteiras que unen e separan, así como sobre a loita polos recursos e de clases, abordados aquí como temas universais e atemporais que motivaron tanto o conflito recreado na obra do século XVII como outros moitos ao longo do tempo”.

A contenda do río Miño inclúe fragmentos en galego, portugués e castelán, ao igual que o texto orixinal. A música e o baile teñen, ademais, especial protagonismo grazas ás composicións musicais de Xosé Lois Romero e Grasiela Muller, coa participación especial de Paulo Bragança, e ás coreografías de Belén Vázquez e Pilar Peña, do Centro Coreográfico Galego.


Publicidade

Os departamentos técnicos do Centro Dramático Galego e da Companhia de Teatro de Braga completan o equipo deste espectáculo nunha unión de esforzos que busca reafirmar a identidade común. Ademais, todo o material escénico e o attrezzo empregado foi recuperado e/ou reciclado de anteriores montaxes de ambas as formacións.

Nove funcións no Salón Teatro

A contenda do río Miño ofrecerá nove pases no Salón Teatro do xoves 26 de xaneiro ao domingo 5 de febreiro, programados ás 18.00 horas o mércores e os domingos e ás 20.00 horas os xoves, venres e sábados.

Como vén sendo habitual no Salón Teatro, a do mércores será unha función descontraída cunha atmosfera máis relaxada do habitual, para facilitar a asistencia ao teatro e a comodidade de persoas con déficit de atención, espectro autista ou deficiencias intelectuais ou sensoriais.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Baltasar Patiño

Matarile estrea ‘Pussy Cake’

Patricia Vazquez actriz galega

Patricia Vázquez recibe o Premio Maruxa Villanueva pola súa traxectoria como actriz