Olivas Negras estrea ‘O rapto da Befana’ en Gondomar
A compañía viguesa Olivas Negras estrea O rapto da Befana o domingo 26 de febreiro de 2023 no Auditorio Lois Tobío de Gondomar (Pontevedra).
A compañía Olivas Negras presenta unha comedia familiar de misterio con música en directo, acrobacia e loita escénica.
Colombina está farta de traballar de sol a sol e pasar fame, así que lle pide axuda a Arlequín para raptar á bruxa Befana e ter asegurada, deste xeito, unha boa dose de larpeiradas. Ademais, pedirán diñeiro polo rescate, o que convence ao avaro Pantalone, que se suma á empresa, pero Pulcinella escoita o plan e xunto co Capitano comezan, á súa vez, unha busca de Befana para aproveitarse da situación. Comeza a estenderse o rumor de que unha góndola pirata tenta raptar señoras de diferentes condicións. A Befana divírtese burlando a Pantalone, Pulcinella e mesmo ao pillabán Arlequín, ata que Colombina debe botar man da súa astucia, pois só ela pode chegar a enredar á bruxa Befana.
O rapto da Befana é un espectáculo de Commedia dell’Arte da compañía de teatro Olivas Negras. Unha peza para público familiar con música en directo. A dirección é de Nuria Sanz, o texto de Paula Carballeira e a composición musical de Klaus Martínez.
A duración do espectáculo é de 55 minutos.
A estrea ten lugar o domingo 26 de febreiro de 2023 no Auditorio Lois Tobío de Gondomar, ás 18:00h.