O Be Real é unha rede social que se fundamenta en avisarte para que te fagas unha foto nunha hora do día e a compartas coas demais persoas e, polo tanto, vexas tamén o que fan nese instante. Curioso, como mínimo! Unha persoa, supoño un home en California aperta un botón e decide que todo o mundo faga unha foto do que está facendo nese intre. Pois ten miolo a cousa porque penso que une dúas paixóns do ser humano, o rexoubar, senón a conto de que somos seres sociais, e o control. O control por saber a verdade a tempo real. O equilibrio entre control e tempo é unha das ecuacións da dirección teatral.
Se hai algo realmente difícil na dirección é o control, ter controlada a escena, a parte técnica, a dramaturxia, o espazos, os significados, os signos e todo o ecosistema que xera unha proposta teatral. Por iso creo que o que debemos e ir perdendo o control, así sen máis ir abrindo cancelas, como cando as nenas comezan a ir soas á escola… estabas desexando que chegara ese momento, pero cando chega chimpan todos os medos, a ti claro, as nenas van na gloria soas pola rúa! Na mesma liña que opino que a dirección actoral é o camiño que fas para acompañar as actrices e os actores a desbloquearse no escenario, na dirección de escena, o camiño e ir perdendo o control, como un dimmer, a modiño. Incluso máis que perder o control, diría mediar, como cando che moven os marcos e non vas ir arranxalo ca forquita, ou? Pois o mesmo. Medias na comunicación con todo o equipo para que coñezan onde está a leira, con que lindas…ostras! Para! Nunca me vin como unha notaria… conseguino! A ver, organizo, que me atrapallei pensando. Digo que se na dirección organizamos os lindes e, mentres diriximos, evitamos o conflito, cando remata o noso traballo, o día da estrea, asinamos como o notario, con esas rúbricas tan, tan, foder, tan pouco traballadas para o que cobran, ou non?
Agora xa só falta que as persoas que nos dedicamos ao teatro cobremos como os notarios e notarias porque, polo demais, aseméllase bastante o que facemos.
Poñede outra ronda do que estean tomando, mentres agardamos a que nos chegue un Be Real, que a taberna virtual o que ten de bo son os prezos!