in

Humor celta mofa-befánico

O teatro perralleiro en ‘Pirolíticos’ de Mofa & Befa

Mofa & Befa. Producións Teatrais Excéntricas.
Mofa & Befa. Producións Teatrais Excéntricas.

O dúo cómico formado por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira, Mofa & Befa, celebra o seu 30 aniversario nos escenarios cun show feminista. Fano sumando á equipa a tres mulleres na dramaturxia e dirección, Lucía Aldao e María Lado no enxeño textual e Clara Gayo no enxeño escénico. Até agora era Quico Cadaval quen, case sempre, formaba con eles unha trepia cómica, desde a dirección e ás veces tamén no palco, como en Shakespeare para ignorantes (2009) ou en Románticos (2012).

Con Mofa & Befa o humor, a palabra e os gags manifestan a inexplicable esencia galega, esa que non colle nos tópicos, anque sexa a eles, case sempre, aos que recorremos cando a tentamos explicar. Desde esa esencia, ou mellor aínda singularidade autóctona, sempre se ocuparon de abalar aspectos controvertidos da actualidade.

Mofa & Befa comezan en 1992 nas Ultranoites cabareteiras da Sala Nasa de Compostela e en 1996 sacan o “Manifesto para un teatro perralleiro”. A “perralleirada” aquí é, en certo sentido, irónica e pouco ten que ver coa chafallada ou co mal feito, coa chapuza ou co descoido.

A través do que eu lles teño visto, diría que esa “teatralidade perralleira” ten máis que ver co pop galego, o popular afastado do populismo, coa reciclaxe nos elementos escenográficos, no atrezo e na caracterización externa dos actores. Por exemplo, en Pirolíticos (31 FIOT 2022), que eu puiden ver na Sala Ártika de Vigo o 10 de marzo de 2023, o emprego de utensilios de cociña que compoñen inventos divertidos: unha fregona e unha vasoira fan de guitarras eléctricas, unha escumadeira cadrada serve de micrófono radiofónico, un relador fai de walkie-talkie policial, o cepillo do váter é a variña máxica da fada do feminismo, etc. e no vestiario, os mandilóns.

O “perralleiro”, que a min até me lembra ao can de palleiro, ten que ver co ordinario e co cotián, co de andar por casa, coa rúa, coa taberna, coa clase traballadora, co alternativo, en oposición ao elitista e á alta cultura. A “estética perralleira” oponse a estética do refinado, do luxoso, do serio, do oficial, da pompa e boato. Trátase, incluso, ás veces desde a parodia e a farsa, de darlle a volta. Por exemplo, os mestres de cerimonias dun show, en Pirolíticos, levan unha especie de chaqueta de frac, pero, en vez de gravata ou lazo, levan dous calcetíns de cores rechamantes e, en vez de pantalóns, unhas saias. Velaí, tamén, a figura dos pallasos no par Mofa & Befa.

“Perralleiro” vincúlase cunha intención irreverente, desmitificadora e festeira, próxima ao espírito do entroido, pero non exenta de certa elegancia, derivada da precisión e eficacia nas accións, e sempre guiada por valores éticos e humanistas. Neste sentido, non hai nin crueldade nin violencia, tampouco desprezo ferinte. Estamos ante un teatro provocador, chocante, por veces, pero, ao mesmo tempo, amable, que procura a complicidade e non o enfrontamento. O humor nunca é acedo, aínda que poida ser negro, verde, branco ou incluso rosa. Negro cando, de súpeto, saca algún asunto escabroso ou aparece a morte. Por exemplo, en Pirolíticos, os dous rockeiros que volven para casa a altas horas da noite e se encontran na rúa cunha rapaza que apura o paso, pero un deles quere demostrarlle que non son tipos perigosos. Aquí o negro tende ao humor branco, no absurdo da situación e na fantasía, case de ambiente gótico, que recrean co relato radiofónico semi-escenificado. A parodia do humor negro dános o humor branco, naif. Anque o humor branco de Mofa & Befa sempre ten un puntiño malicioso e golfo. Golfo sen chegar ao humor verde. O tema sexual, se callar polo machismo que adoita tinxilo nos chistes, non entra na baralla destes cómicos, pero si un chiscar de ollos no propio título Pirolíticos, coa súa posible dobre lectura, pola semellanza con “pirola” e coa asociación que se pode establecer co propio tema do espectáculo. E o humor rosa, tal vez, fica ligado ao xogo do travestismo.


Publicidade

En Pirolíticos meten ao home que son na cociña, para someter a masculinidade hexemónica, de tradición heteropatriarcal, a un proceso de “pirólese” que a limpe de pensamentos, actitudes e actos machistas. O espectáculo componse dunha serie de “entremeses” ou petiscos (sketches) nos que o enxeño verbal, co texto de AldaoLado, se esposa (ou marida?) co enxeño das situacións, dirixidas por Clara Gayo (o concerto rock dos Pirolíticos; a alegoría do Feminismo visitando ao machista e revisando os seus chistes; a multa do garda do feminismo ao malote; o teatro radiofónico coa escena cómica de terror, a noite na que dous colegas, os rockeiros, volven para casa a altas horas e se cruzan cunha rapaza; o presidente de goberno e o seu asesor o día despois dun 8M, etc.) e coa singular vis cómica dos actores. Uns petiscos presentados polos dous showmen, nunha caracterización, entre os mestres de cerimonias e os pallasos, que non esconde as persoas que actúan, amplificando a súa simpatía.

Humor crítico, entretemento que non é vacuo porque sabe tocar asuntos serios, que pertencen ao ámbito da xustiza, que nos atinxen a todes. Retranca que, sen perder a malicia, consegue a bondade e a nudez do inxenuo.

Con Pirolíticos estiven cun sorriso desde o comezo até o final e rin coa arte de Mofa & Befa para facer do que, para algúns, pode resultar problemático ou espiñento, algo amable. E co valor de rematar cunha escena anticlimática respecto á comicidade, para pór en evidencia, de xeito cru, mediante unha analoxía, o abuso sexual no ámbito das artes escénicas e do audiovisual.

Trinta anos de humor celta autóctono, de curral, alimentado na casa, e perralleirismo enxeñoso. Dous actores, con funcións de pallasos e bufóns, que xogan ao teatro máis lúdico e teatral, o de recrear situacións polémicas des-dramatizándoas, para atizar o pensamento e divertirse divertíndonos.

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2024, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Susana Villaverde Garcia

Susana Villaverde gaña o III Certame de Microteatro da Memoria

Galicia convidada especial no Festival Internacional de Teatro de Manizales

Galicia é a convidada especial no 55º Festival Internacional de Teatro de Manizales