in

Galicia é a convidada especial no 55º Festival Internacional de Teatro de Manizales

Cinco compañías galegas representarán as súas pezas en Colombia en outubro

Galicia convidada especial no Festival Internacional de Teatro de Manizales
Jacobo Sutil coas compañías galegas seleccionadas e os directores dos festivais de Manizales e Medellín. Imaxe de Xoán Crespo.

Galicia e as súas artes escénicas serán as convidadas especiais na 55ª edición do Festival Internacional de Teatro de Manizales, en Colombia, que terá lugar do 21 ao 28 de outubro, coa participación de cinco compañías galegas de teatro, danza e novo circo: Ainé Producións, Elefante Elegante, Fran Sieira Compañía de Danza, Ibuprofeno Teatro e Pistacatro. A Xunta colabora con esta recoñecida mostra, considerada a más antiga das que se celebran en Iberoamérica, para coordinar e apoiar economicamente esta representación artística galega, seleccionada pola propia organización do certame.

Para afondar nos detalles desta participación, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, recibiu onte na Cidade da Cultura de Galicia os representantes destas cinco compañías e os directores dos festivais colombianos de Manizales, Octavio Arbeláez, e de Medellín, Sergio Restrepo, aproveitando a visita destes últimos a Galicia para asistir ao encontro profesional organizado en Narón con motivo do VIII Festival Internacional do Monólogo Teatral Singular.

Accións de proxección exterior

A colaboración da Xunta nesta iniciativa entronca coas accións de proxección exterior da escena galega que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades vén desenvolvendo fundamentalmente a través da liña anual de subvencións á distribución de espectáculos e da dinámica de internacionalización emprendida polo Centro Dramático Galego, que se estende a 13 países a través da implicación da compañía pública en dous proxectos europeos e noutros programas de intercambio, ademais da organización de xiras e a presenza en festivais con producións propias e coproducións.

A escolma realizada polo certame de Manizales reflicte a ampla variedade de xéneros e estilos da escena galega con propostas teatrais como Continente María, na que Ainé, en coprodución co Centro Dramático Galego e o Concello da Coruña, evoca a figura de María Casares; a fantasía onírica baseada na xestualidade e o movemento arredor dos lazos familiares que Elefante Elegante propón en Alma de tigre, e o futuro distópico de O mel non caduca, de Ibuprofeno Teatro. En danza, a representación galega recae en Fran Sieira e a súa compañía co espectáculo de baile e música tradicional DeMente, que pon o foco na saúde mental, e en artes circenses, Pistacatro viaxará a Colombia con Orquestra de malabares, un espectáculo que mestura a música co ballet aéreo dos malabaristas.


Publicidade

Galicia toma o testemuño de Chile, Arxentina ou o País Vasco como territorio convidado no Festival Internacional de Teatro de Manizales, que a través deste iniciativa busca a súa apertura cara a outras culturas para dar a coñecer as súas producións e as súas formas de traballar.

Con tal fin, organizaranse tamén conferencias, talleres e mesas redondas con participación desta delegación galega. Parte dela desprazarase, ademais, ata o Festival Teatro y Música Comfama San Ignacio, en Medellín, como evento colaborador do de Manizales.

Xunto coa súa vertente como un dos maiores encontros artísticos de Colombia, o Festival Internacional de Teatro de Manizales tense convertido nunha ponte para o intercambio entre os ámbitos da creación e da industria cultural, funcionando como motor para o desenvolvemento doutras áreas da produción artística na súa contorna. Na programación da súa 55ª edición, apostará ademais polas propostas innovadoras desde a perspectiva do uso de espazos non convencionais, así como polo emprego das ferramentas tecnolóxicas para a creación escénica.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Mofa & Befa. Producións Teatrais Excéntricas.

Humor celta mofa-befánico

Unha persoa mirando as estrelas. Greg Rakozy.

CAOS