in

Canta máis luz, máis sombra

‘Canta máis luz, máis sombra’ | Clásicas desfeitas Vol. 7 e 8. Residencias Artísticas do Gaiás, Centro Dramático Galego e Compañía Nacional de Teatro de México

336909927 737951491136597 5385501409779921586 n
Foto: Manuel G. Vicente

Desde hai uns anos, as Residencias Artísticas no Gaiás (REGA) da Cidade da Cultura, en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG), organizan un ciclo titulado “Clásicas desfeitas”, que parece consistir en ofrecerlle a equipas artísticas multidisciplinares, no ámbito das artes escénicas, xogar con textos, personaxes e autorías clásicas.

Este ano, por primeira vez, puiden asistir aos volumes 7 e 8 deste ciclo, co foco en Rosalía de Castro e Sor Juana Inés de la Cruz, nun díptico espectacular titulado Canta máis luz, máis sombra. Unha proposta teatral que xuntou á Compañía Nacional de Teatro de México (CNT) e a súa directora artística, Aurora Cano, e ao CDG e o seu director Fran Núñez.

O lugar escollido foron dúas aulas de cristal do Edificio Fontán na Cidade da Cultura. O público disposto nun corredor amplo entre esas dúas aulas de cristal, unha fronte á outra. Nunha delas, primeiro Rosalía de Castro, con actuación galega e dirección mexicana, unindo os dous lados do Atlántico.  Despois, en fronte, a de Sor Juana Inés de la Cruz, con actuación mexicana e dirección galega. E nós, o público, como  o océano, no medio, unindo nos nosos imaxinarios e coa nosa capacidade de xogo, estimulada por este espectáculo que transcorre a dúas bandas, primeiro nunha e despois na outra, esa engrenaxe de espellos e paralelismos. Dúas mulleres rebeldes, que se atreveron a pensar, a escribir, a saír do rol tradicional da muller ao que estaban condenadas. Dúas escritoras clarividentes que non só foron poetas sublimes, senón tamén filósofas e pensadoras. Dúas mulleres que escribiron desde as marxes e desde a marxinación. No caso de Rosalía, ás trabas por ser muller, sumábase o feito de escribir nunha lingua historicamente castigada e prohibida, estigma e marxinación que, lamentablemente, continúa activa a día de hoxe.

Aurora Cano e Fran Núñez compoñen un díptico teatral no que unha peza se reflicte na outra, na que Rosalía de Castro, a súa vida e obra, e Sor Juana Inés de la Cruz, a súa vida e obra, producen ecos que se complementan e enriquecen.

Rosalía de Castro, interpretada por Diana Sieira, establece un diálogo coa súa Sombra, manifesta a través da voz de Germán Gundín, acompañada polo músico Xosé Lois Romero (percusión e acordeón). Ese diálogo, que Diana interpreta de maneira sorprendente, porque o fai desde unha sensibilidade moi actual nas actitudes e emocións, no sentido lóxico das entoacións, amalgamando esa sensibilidade contemporánea e ese sentido verosímil na dicción, cunha expresión, por veces, surreal e fantástica, como se estivésemos ante un ser sobrenatural, ante unha meiga ou unha fada. Contribúe a isto, de xeito sobresaliente, a posta en escena nesa especie de furna barroca, como se estivese dentro dunha instalación plástica ou dunha “vanitas”, un escaparate ou unha vidreira. Nese cubículo no que se amorean lámpadas, candelabros, mobles vellos cunha melancolía señorial e, ao mesmo tempo, popular, un muíño de café, utensilios decimonónicos de cociña, ramas de loureiro, unha pescada fresca, carne picada para facer zorza… Nesa especie de cadro escultórico ou pictórico, Rosalía, cun vestido negro moi elegante, habita o alén da inmortalidade e a gloria. Pero ela séntese condenada, resístese ao endeusamento, busca baixar dos pedestais aos que a subiron. Aurora Cano preséntanos unha Rosalía de Castro nun contexto de realismo máxico e Diana Sieira, como actriz, consegue articular simultaneamente esas dúas vías, a dicción, a intención e a expresión verosímiles, próximas, reais, e o movemento coreográfico, as posicións corporais, incluso algunha desaparición e aparición, dentro dun estilo fantástico.


Publicidade

Pola súa parte, Fran Núñez, tamén transita unha dobre vía con Sor Juana Inés de la Cruz, interpretada pola actriz mexicana Shadé Ríos e polo actor e músico mexicano Yurief Nieves. Na vidreira de enfronte, chan con moqueta e alfombras vermellas, diferentes bancos rústicos de madeira cheos de cirios e candeas, que poden evocar un espazo conventual ou unha cociña antiga. O cristal do fondo afumado e tinxido pola luz, de cores lilas, azuis, verdes, vermellas, fucsia e incandescentes, levando a evocación espacial cara á abstracción celestial. Nesa atmosfera, que tamén remite ao alén, a actuación de Shadé e Yurief xoga ao contraste. Unhas veces ofrécennos un show musical, no que nos presentan, desde eles, desde o agora, a vida de Sor Juana Inés, incluso cun sketch no que parodian un concurso televisivo, para pór a proba a xenialidade da nena Inés. Shadé fálanos da súa personaxe como dunha “rockstar” e rapéanos algunhas letras dos seus poemas. Outras veces, ofrécennos a Sor Juana Inés nos seus lances máis sobrios, pero sempre desde a perspectiva dunha loitadora, dunha muller con profundas conviccións, que nunca se rendeu ante as dificultades ou ameazas.

En ambos casos, Rosalía de Castro e Sor Juana Inés, estamos ante mulleres fortes e valentes, que, ao mesmo tempo, nos fan ver o poder e a necesidade de aspectos tradicionalmente asociados á muller e ao feminino. Tan importante pode ser unha prosa ou un poema como unha cunca de “caldo de gloria”, como o que describe Rosalía no seu poema “Miña casiña, meu lar”, ou como unha cunca de chocolate, como á que nos convida Sor Juana Inés, quen soubo, nos seus escritos sobre cociña, transcender a reclusión e o castigo que lle inflixiron, condenándoa a traballar nos fogóns, para que tivese menos tempo dedicado ao estudo e ao pensamento. Como se na confección dun prato non houbese espazo para o pensar.

En ambos casos, tamén, o cristal que as separa de nós é un límite case invisible, que se deixa sentir e que actúa, ademais, como metáfora aberta a múltiples lecturas. Ese cristal que as illa e contra o que, nalgunhas ocasións, parecen loitar, como se quixesen traspasalo. De feito, Shadé Ríos, a actriz, escapará do cubículo de vidro, seguida de Yurief Nieves, para comunicarse directamente co público, para romper unhas distancias, que xa na propia personaxe de Sor Juana Inés esboroou en moitos momentos de desenfadada actuación. E cunha barra de labios carmín escribir no cristal unha reivindicación final: “Saber non pode ser luxo”.

CLÁSICAS DESFEITAS VOL. 7 e 8: Canta máis luz, máis sombra

A partir de textos de Sor Juana Inés de la Cruz e Rosalía de Castro
Dirección: Aurora Cano e Fran Núñez

Elenco: Diana Sieira, Xosé Lois Romero, Shadé Ríos, Yurief Nieves

Organiza: Centro Dramático Galego, Compañía Nacional de Teatro de México e Cidade da Cultura

 

Edificio Fontán da Cidade da Cultura de Galicia, 24 de marzo de 2023.

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2024, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Unha persoa mirando as estrelas. Greg Rakozy.

CAOS

teatro principal ourense 1 |

Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro 2023