O vindeiro martes 11 de abril as 20.00 horas, no auditorio Gustavo Freire de Lugo, no marco do XI Ciclo de Música Contemporánea de Lugo MIHLSons que organiza a área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, terá lugar a presentación dunha montaxe de danza e música en directo baseada no concerto Music for 18 Musicians (1976) do compositor contemporáneo Steve Reich, nado en Nova York en 1936.
Esta posta en escena con danza e música en directo contará coa proxección de obras de videocreación e vén sendo o resultado final dun proxecto pedagóxico único que baixo a epígrafe Universo Reich realiza unha proposta pedagóxica interdisciplinar e intercentros integrada no ámbito das Ensinanzas Artísticas de Réxime Especial.
No proxecto Universo Reich participarán a Academia Internacional Cardinais de Vertixe Sonora, alumnado da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón e alumnado dos Conservatorios de Música de Galicia e do Conservatorio de Danza de Lugo. En total serán 20 músicos, 22 bailaríns, 26 deseñadores gráficos, 11 deseñadores de interiores, 15 técnicos de serigrafía e 7 fotógrafos.
Vai ser un equipo formado por 102 participantes acompañados por unha ducia de profesoras de distintas materias ou especialidades, e diversos cursos das ensinanzas de Deseño Gráfico, Deseño de Interiores, Música, Danza e Fotografía están implicados neste proxecto único en Galicia.
Entre as actividades máis relevantes levadas a cabo para a elaboración da montaxe cómpre resaltar o obradoiro de procesos creativos impartido pola investigadora, creadora e xestora cultural Sabela Mendoza, os encontros co percusionista Diego Ventoso, a visita técnica ao Auditorio Gustavo Freire e os encontros entre as distintas especialidades para a dinamización, coordinación e desenvolvemento dun proxecto de tanta envergadura.
Trátase de toda unha experiencia de aprendizaxe en equipo para todas as participantes nesta presentación da montaxe Music for 18 Musicians, partitura lendaria de Steve Reich, considerado por moitos un dos mellores compositores estadounidenses contemporáneos (a revista inglesa de música clásica BBC Music dedicoulle un especial este mes de abril) e un dos pioneiros do estilo minimalista, xunto con outros compositores como La Monte Young, Terry Riley, John Cage ou Philip Glass. As entradas son de balde (ata completar a capacidade).