O Día Internacional da Danza celébrase o 29 de abril desde que foi establecido en 1982 polo Comité Internacional da Danza do Instituto Internacional do Teatro (ITI). Esta data conmemora o nacemento (en 1727) de Jean-Georges Noverre, bailarín e mestre considerado impulsor do ballet moderno. Cada ano o ITI encarga a unha personalidade coñecida do mundo da danza a redacción dunha mensaxe. A Mensaxe do Día Internacional da Danza 2023 foille encargada á bailarina e coreógrafa chinesa Yang Li ping:
“Danza – Unha vía para comunicarse co mundo”
A linguaxe corporal é a forma máis instintiva de comunicación que ten a humanidade. Xa como bebés acabados de nacer usamos as nosas mans e pés para realizar xestos similares á danza, mesmo antes de aprender a pronunciar unha palabra. É entón cando xorde a danza desta “lingua primitiva”.
Moitas cousas incitan ás persoas a bailar. Na miña cidade natal a miña avoa algunha vez díxome que a danza era unha maneira de agradecerlle ao Sol o feito de traer calor e luz ás nosas vidas. Cando hai unha boa colleita bailamos co corazón alegre nos campos para expresar a nosa gratitude á terra. Cando coñecemos a alguén que amamos danzamos como un pavo real que estende a súa plumaxe para gañar o seu afecto. Mesmo cando enfermamos podemos apelar a misteriosos rituais dancísticos para repeler os demos da enfermidade.
No meu mundo, a danza entretécese de xeito complexo na nosa vida e existencia desde idade temperá. A danza sempre foi a chave que abre a comunicación dos seres humanos coa natureza e os demais seres vivos. Hai un refrán na miña cidade natal: “Se tes pernas pero non podes bailar, desperdiciaches a túa vida en balde”.
No que a min respecta, a danza é o mesmo que a vida e a natureza: é a súa verdadeira esencia. Algunhas persoas chegan a este mundo para deixar descendencia, outras para gozar a vida, outras para buscar experiencias. No meu caso, son unha observadora da vida; veño ver como florece e murcha unha flor, como flotan as nubes e se condensa o rosada… Polo tanto, toda a miña inspiración creativa vén da vida e a natureza: o resplandor da luz da lúa, a exhibición das plumas do pavo real, a metamorfose dunha eiruga en bolboreta, a maneira na que unha libélula roza a superficie da auga, a maneira en que unha eiruga se contorsiona, a forma na que as formigas forman unha fila…
Hai moitos anos subín ao escenario e bailei a miña primeira coreografía, “A alma do pavo real”. O pavo real é unha criatura que no mundo oriental simboliza o sacrosanto e representa a beleza, xa que a súa aparencia aseméllase á da ave fénix, cunha postura encarnada comparable á do dragón.
A cultura dancística da humanidade é abundante en atributos e puntos comúns. Atopamos a esencia da danza por medio da observación da natureza, da vida e de todos os seres vivos que nos rodean. O meu país tamén ten unha abundante cultura dancística que impulsa apaixonadamente como unha herdanza. Levei a escena algunhas das danzas primitivas tradicionais como a Yunnan Impression, o Tibetan Riddle, a Pingtan Impression e outras moitas, coas que a xente quedou profundamente impresionada pola súa beleza cativadora e o seu significado cultural. Herdamos todas elas dos nosos devanceiros, o cal implica que se require do noso esforzo para que sexan preservadas e presentadas ao resto do mundo.
Durante décadas como bailarina continuei a miña exploración do ilimitado reino da danza e fun convidada á creación de traballos experimentais contemporáneos como “Under Siege—The Full Story of Farewell My Concibine”(Baixo Asedio – A historia completa de Adeus á miña concubina) e “Rite of Spring” (A consagración da primavera).
A miña arte inspírase na natureza da miña cidade natal, a miña experiencia persoal e a profunda civilización Oriental, a cal é parte integral da civilización mundial na medida en que a fornece de diversidade, riqueza e, sobre todo, inspiración. “Aprender da natureza” e da “Unidade do ser humano e o universo” conforman a filosofía, a sabedoría e a estética de Oriente. Estas doutrinas son tamén o núcleo espiritual da miña arte. Como seres humanos debemos respectar a natureza, aprender dela e harmonizar con ela, como o fan a terra, as montañas e o ceo. Bailaríns e coreógrafos deben escoitar máis atentamente as alegrías e tristezas do mundo utilizando a danza para completar o diálogo que sostivemos coa natureza e a vida por miles de anos.
Hoxe continuarei compartindo a nosa cultura dancística e convido a todos os bailaríns do mundo que aman a danza e que expresan as súas emocións a través dela a que bailemos unidos para transmitir o noso amor e loanza ao ceo e á terra.
A vida nunca termina e a danza nunca cesa.”
(Tradución Sabela Mendoza.)