in

Entende como é a cousa

Foto: Irene Moreira.
Foto: Irene Moreira.

Irreverentes e demais familia esta vai de despedida ata a vindeira tempada que será máis e mellor, seguro. Collo as vacacións antes do normal para poder traballar en varios proxectos que están chegando e requiren de toda a miña concentración.

Para irme gustaríame abordar os límites, as fronteiras e as tarefas da dirección escénica neses marcos. Que escapelo utilizamos para separar a dramaturxia na escenificación da dramaturxia en palco? Cales son as encomendas da dirección nun traballo de creación colectiva? Que diferencia a unha creadora dunha directora de escena? Porque se usa en moitos procesos artísticos o eufemismo da mirada externa, ata nos programas de man? O exceso de intrusismo lévanos a invisibilizar unha profesión ou a falta de rigor está levándonos a un todo vale na dirección ou a algo moito peor, un DIY (Do it yourself), faino ti mesma, só con ver este titorial en Youtube.

Pois como todo na vida, teremos que ir á orixe do asunto, á raíz, e repensar a acción, entendo que o verbo non é separar, nin o instrumento un bisturí. Entendo que verbos máis axeitados son conxugar, achegar, emplastar, hibridar e igual que modificamos as nosas cabezas relegando ao fondo as ideas antigas, xerárquicas e certamente patriarcais na dirección, a nova caixa de ferramentas terá que vir con xubias para mediar, limas de comunicación, cepillos que se movan en forma de acordos e moitos recunchos como lugares de encontro.


Publicidade

Como di Purita, unha amiga da miña nai, de forma reiterada cando remata de contar algo e non quere deixar o tema de forma bruta mais tampouco ten máis que dicir: “Entende como é. Entende como é a cousa!”

Pois iso, as tarefas da dirección son as mesmas, aínda que as ferramentas e os tempos cambiaran. E poden resumirse en tres: coordinarse coa produción, escenificar e organizar o equipo artístico e técnico. O que aínda podemos resumir nunha acción transversal que é a toma de decisións no eido escénico da proposta. E aí está o tropezo, na forma de tomar as decisións, na forma de comunicar, na de escoitar, na cantidade de auto-coñecemento que teñamos de nós, na importancia da escolla do equipo, na nosa forma de sociabilizar, de formar equipos e saber cando nos temos que apartar. Por iso a dirección é un campo moi vasto, dirixir unha peza é complexo e que todo o mundo quede satisfeito é case un milagre. Pero as persoas ateas sabemos que o camiño é a auto-reflexión, a luz do coñecemento e a experiencia social, case antropolóxica do saber cando encartan unhas birras e cando hai que obstinarse e continuar co ensaio. Esa escoita esgotadora e perenne que fai que o noso traballo remate o día da estrea e despois precisemos unha semana de descanso e desconexión, onde facemos cousas afastadas da nosa profesión: cociñar, ler revistas de rexouba, encrucillados… Coñezo moitos hábitos sorprendentes que fan colegas entre montaxe e montaxe, porque efectivamente precisamos volver ao outro mundo; ao real, ao que sabemos que non pertencemos, pero precisamos para non tolear.

Irene Moreira

Irene Moreira

(Vigo, 1980) Directora de escena e profesora de arte dramática. Actualmente dirixe a compañía teatral Xerpo, e, xunto con Álex Sobrino, fundou a Sala Ingrávida (Porriño), da que foi responsable de programación. Imparte docencia na ESAD de Galicia, traballo que combina co podcast 'Radio Ingrávida' e a experimentación co novo teatro confinado.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Foto de Yang Liping.

Mensaxe do Día Internacional da Danza 2023, por Yang Liping

Fráxil Matarile

O festival Escenas do Cambio arranca a súa novena edición