in

O festival Escenas do Cambio arranca a súa novena edición

O programa inclúe dez creacións contemporáneas, que se desenvolverán entre o 4 e o 6 de maio

Fráxil Matarile
'Fráxil. Handle with care', de Matarile. Imaxe do festival Escenas do Cambio

O festival de danza, teatro e arte en acción Escenas do cambio —promovido pola Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura, e organizado baixo a dirección artística de Lola Correa— inicia mañá, xoves 4 de maio, tres xornadas dedicadas ás artes escénicas de vangarda. A obra itinerante Aquí mentres camiñamos, do brasileiro Gustavo Ciríaco e a austríaca Andrea Sonnberger, será a encargada de inaugurar esta novena edición, cunha orixinal proposta na que público e artistas compartirán unha experiencia de descubrimento polas rúas de Santiago de Compostela.

Unidos por unha cinta branca, xuntos percorrerán as rúas de Santiago de Compostela nun camiño secreto que convida a observar o espazo urbano con outros ollos, ao modo dos flâneurs do século XIX. Logo do seu paso por importantes festivais e cidades como Nova York, Taipei, París, Londres, Porto, Praga ou São Paulo, entre outras moitas, Aquí mentres camiñamos chega á capital galega con cinco pases no marco do festival.

Do xoves 4 ao sábado 6 de maio, a novena edición de Escenas do cambio programa un total de dez creacións contemporáneas de danza, teatro, perfomance, música e poesía escénica nas que as transformacións e conflitos sociais actuais teñen un papel protagonista. As persoas migrantes e os seus dereitos —Afectos, de Kirenia Danza—; a construción dunha nova Europa máis porosa e amable cos estraños —Fráxil. Handle with care, de Matarile—; o amor en todas as súas formas —One night at the golden bar, de Alberto Cortés—, ou a denuncia da mercantilización da morte —Aquellas que no deben morir, de Las Huecas— son algúns dos temas que compañías e artistas porán sobre o escenario.

Estreas galegas

Entre as cinco estreas do festival, destacan as últimas creacións de Kirenia Danza (Afectos) e Matarile (Fráxil. Handle with care), que contaron co apoio do Centro Coreográfico Galego e o Centro Dramático Galego, respectivamente, para o seu desenvolvemento. A primeira estréase mañá ás 20.30 horas no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, mentres a nova peza dirixida por Ana Vallés terá o seu primeiro pase no Salón Teatro o venres 5 de maio ás 21.30 horas.


Publicidade

As outras obras inéditas desta edición son Poco (o alguien dirá que nos equivocamos), do coñecido dramaturgo canario Roberto García de Mesa; a peza colectiva Poescénicas, que crean e protagonizan cinco poetas galegas actuais (Yolanda Castaño, Silvia Penas, Xiana Arias, Nuria Vil e Nieves Neira) e o debut musical da formación SONS-NÚS/CatroNubes, coa súa mestura experimental de jazz, arte visual e poesía, que pechará Escenas do cambio o sábado ás 21,30 horas no Gaiás.

Completan o programa Háblame, cuerpo, de Nazario Díaz, e Washington, do artista galego Matías Daporta, un xogo de espellos e realidades que recrea o casting da película que Lars von Trier nunca chegou a rodar logo de Dogville e Manderlay.

Toda a información da programación de Escenas do cambio está dispoñible na web da Cidade da Cultura e tamén na do festival. O festival da Xunta conta coa colaboración do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música – INAEM, o Concello de Santiago, o Instituto Camões, a Axencia Galega das Industrias Culturais, o Centro Galego de Arte Contemporánea, o Centro Coreográfico Galego e o Centro Dramático Galego.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Foto: Irene Moreira.

Entende como é a cousa

Imaxe do CoruFest 2023 de @casanovasebas

Comeza a 6ª edición do CoruFest