Hai unha serie de metodoloxías de xestión e creación escénica que non estamos a facer porque nos deixamos levar polas correntes ou porque andamos por camiños xa explorados. Pero estes outros Teatros posibles existen: só hai que saír a buscalos. Provocacións, banalidades, sobradas, propostas incómodas, parvadas ou cousas xa inventadas, desas que alguén xa viu nos sesenta, ningunha destas aireadas respostas estará falta de razón. Mais espero que tamén haxa a quen lle resulten o suficientemente desconcertantes como para ter que repensar as prácticas escénicas propias e alleas. Con todo, o obxectivo non é prescribir nin pontificar, senón estimular a creación colectiva de imaxes mentais de certos horizontes. Porque só podemos facer aquilo que imaxinamos.
Vivimos demasiado rápido. A hipermodernidade da que falaba Lipovetski supéranos. Byung-Chul Han chámalle a ‘sociedade do cansancio’. A moda xa non é unha tiranía, senón unha cenoura. É a sociedade do hype. Alí onde a raíz hipque une o hipster co hippi (que en orixe facía referencia a consciencia do momento presente) vendeu a súa alma a cambio dos cinco minutos de fama ou unha manchea de likes. Plataformas, buscadores, redes sociais e intelixencias artificiais fixéronnos tan fácil o difícil que neste lado tanxible das pantallas imos quedando cada vez máis sós e impacientes. Quixemos e conseguimos tantas cousas que xa non nos chega un único universo.
Pensemos un momento: comparado co resto de artes, o teatro xa é lento de seu. Nunca se prestou moi ben á virtualidade, aínda prefire a artesanía antes que a fábrica en cadea, sobre todo se o comparamos con artes performativas (cine, televisión, series, radio). Isto é certo; mais acontece que, contaxiado polo zeitgeist, o teatro contemporáneo (que é todo o teatro que facemos as persoas vivas) vese arrastrado pola voráxine da aceleración socioeconómica imperante e non hai quen o saque desa roda universal da infamia da que falaba o punki de Lois Pereiro. Un bo referente das posibilidade creativas da lentitude nas artes da comunicación e o espectáculo son os podcasts que teñen como base teórica o concepto de slow radio: foxen do directo e da actualidade, non precisan estímulos auditivos histriónicos nin dinamismo superficial, falan en voz baixa durante horas sen dicir nada necesariamente relevante e escóitanse a demanda.
Se conseguirmos facelo realidade, o Teatro Lento, fose cal fose a súa concreción temática e escénica, sería un teatro perigosamente político. Porque vai á contracorrente. Esnáfrase contra o núcleo de todo o que sexa mainstream.
Non vos confundades, o Teatro Lento non ten nada que ver con facer os mesmos textos máis despacio, ou os mesmos xestos ao ralentí. Non é iso. Os seus postulados preocúpanse máis polos procesos que polos resultados. Como cando a persoa que ocupa o rol de atancante lle pasa o balón á que fai de gardamallas. Ademais, no Teatro Lento nin se gaña nin se perde. No Teatro Lento vívese.
No Teatro Lento non se berra nin se discute porque todo acaba atopando o seu lugar.
Ademais de imposible, o Teatro Lento é imprescindible. Pero tamén podería non ser así, porque o que desde logo non é o Teatro Lento é arrogante e ególatra.
O Teatro Lento non aspira a grandes cousas, pero si inspira as pequenas.
Prefire o boca a orella ás campañas de marketing. E case nunca utiliza proxeccións audiovisuais, nin focos móbiles, nin videomapping, porque se ve a si mesmo como completamente moderno, dunha modernidade que vai máis alá das modas ou do reclamo dos últimos avances tecnolóxicos. Claro que está aberto a utilizar a tecnoloxía sempre e cando esta lle axude a ser el mesmo. Unha escena creada a partir dun intercambio de notas de voz de whatsapp realizado durante varios anos sería un bo exemplo de Teatro Lento tecnolóxico.
No Teatro Lento non se pensa na data de estrea. Os días non teñen horario. Non require madrugar nin deitarse tarde. Pódese facer durmindo. Pero non é un soño.
O Teatro Lento non precisa as présas para chegar a onde quere, porque en si mesmo é xa unha presa, ou sexa, unha pausa.
O Teatro Lento non produce. Rescata, reutiliza, recolle, recicla. A produtividade é a súa inimiga. O seu espírito é decrecentista. O Teatro Lento é o antídoto máis velenoso contra as esixencias das Industrias Culturais. Combustible para os cambios. Dinamita para os circuítos de programación. Un cóctel molotov de verdadeiro amor polo teatro.