A bailarina viguesa Marcia Vázquez estrea o seu primeiro espectáculo para teatro, titulado Vaivén, no Teatro Rosalía Castro o vindeiro venres 12 de maio no marco do Festival Primavera TRC Danza.
Vaivén é unha peza escénica de danza contemporánea que fai navegar ao público en mareas vivas. Na sinopse sinálase que “trala tormenta, o océano cuspe á beiramar todo aquilo afogado na profundidade. A area está chea de restos inconexos de memoria. Será suficiente este corpo para reconstruíla antes de que volva subir a marea?”
Un paso polas lembranzas a todo o que rodea á mar en Galicia: a dureza do traballo
da pesca, a paisaxe en cores e sons, o Prestige, a personalidade non escollida de vivir ao carón da costa.
Vaivén sae dunha investigación sobre as vibracións e as ondas sonoras e ponas en relación co mundo interno das emocións. Unha peza dancística que oscila entre o plano físico das ondas e se mergulla de cheo na emocionalidade que o mar nos xera. “Todas as nosas almas son náufragas”, lemos na descrición.
Unha parte esencial deste espectáculo é o espazo sonoro de Acacia Ojea, sobre as ondas do cal Marcia navega. Ambas conectan coa paisaxe que as acompañou durante toda a súa vida: o océano Atlántico.
Ademais, a través de materiais de arquivo histórico recompilan sons acuosos, do mundo da pesca, diferentes acentos lingüísticos e texturas varias de Galicia. Vaivén constrúe unha paisaxe sonora na que hai unha fonda pegada das raíces a moitos niveis alén do sonoro.
Marcia dedica varios momentos á memoria histórica en relación á mar: o traballo duro da pesca e os 20 anos do Prestige.
Sobre Marcia Vázquez
(1994) Bailarina, creadora e xestora cultural.
Comeza polas danzas urbanas dentro do ámbito das batallas, acabando finalmente na danza contemporánea. Formada na Faktoria Coreographic Center, Pamplona. Seleccionada pola Rede Acieloabierto na bolsa de itinerarios formativos en 2019. O seu solo “Onde pousa a humidade” recibiu dous premios no festival DZM e foi seleccionada dentro do Certame Internacional MASDANZA en 2022.
O vindeiro 12 de maio estrea o seu primeiro espectáculo para teatro Vaivén. Traballou en proxectos híbridos con variedade de artistas dentro da videodanza, o audiovisual ou a música, onde destaca a súa última colaboración en “Uholdeak”, seleccionada en numerosos festivais. Coordina o Festival Escora da Deputación da Coruña.
Marcia é unha artista inseparable da súa reivindicación persoal, corpo-comunidade, territorio-identidade.