in

O Salón Teatro acolle dez novas funcións de ‘Fráxil. Handle with Care’

O novo espectáculo de Matarile Teatro está coproducido polo CDG e o Teatro Español de Madrid

Matarile Fráxil ManuelGVicente
'Fráxil. Handle with Care'. Imaxe de Manuel G. Vicente.

O Salón Teatro de Santiago acolle a compañía compostelá Matarile Teatro para as primeiras funcións públicas do seu espectáculo Fráxil. Handle with Care, coproducido polo Centro Dramático Galego e o Teatro Español de Madrid. A peza estreouse o pasado venres na sede da unidade teatral da Xunta, no marco do Festival Escenas do Cambio, promovido pola Cidade da Cultura de Galicia, onde permanecerá en cartel ata o vindeiro día 21 para ofrecer dez novas representacións de mércores a domingos.

Ana Vallés dirixe esta nova proposta de Matarile, coa que pecha unha triloxía en homenaxe á fraxilidade que deu comezo na pandemia con El diablo en la playa, de 2020, e que tivo a súa continuidade en 2022 con Inloca. Desta volta, a creadora reflexiona xunto ao seu equipo sobre unha Europa desde onde xa non se escribe a historia, ao tempo que aborda “a fraxilidade do paseo, do que pasa, do que foxe, da conversación peregrina que nos leva, buscando algo, dun lugar a outro; aceptando o desarraigamento e asumindo o desexo de mostrar un saber torcido, iluminado oblicuamente”.

Pau Cólera, Antón Coucheiro, Claudia Faci, Celeste González e Alfredo Pérez poñen en escena o texto e as coreografías da propia Vallés, con achegas dos cinco intérpretes e fragmentos de Mircea Cartarescu, George Steiner e María Zambrano.

Miguel Muñoz é o creador da iluminación, así como o espazo escénico xunto á directora e a Rubén Vilanova. O son e o vestiario están asinados pola compañía, que contou tamén con Xacobo Castro na edición de son, Rubén Vilanova na fotografía e vídeo, Diego Blanco no deseño gráfico, Daniel Baamonde e Nuria Sotelo na asistencia de dirección, Laura Sánchez na produción, coordinación e distribución, e Marcos Vieitez como axudante de produción, ademais de co acompañamento de Enrique Gavilán, Javier Méndez Oro, Isabel Iglesias, Pablo Sánchez e Jacobo Bugarín.


Publicidade

Estadía en Madrid

Fráxil. Handle with care poderá verse desde mañá e ata o día 21 no Salón Teatro antes de poñer rumbo cara a Madrid, onde permanecerá do 30 de xuño ao 16 de xullo nas Naves del Español en Matadero. En Santiago, as funcións terán lugar ás 20.00 horas de xoves a sábados e ás 18.00 horas os mércores e domingos.

Creada en 1986 por Ana Vallés e Baltasar Patiño, Matarile Teatro é unha compañía pioneira e referente na escena contemporánea galega e española, con máis de 30 espectáculos, numerosas performances e propostas sen formato concreto, polos que ten acadado máis de vinte premios e mencións en distintos puntos de España e Europa.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'Vaivén' de Marcia Vázquez. Foto: Carlota Mosquera.

Marcia Vázquez estrea ‘Vaivén’ no Festival Primavera TRC Danza

Piloto. Plataforma UMA. FITEI 46

FITEI 46: O Festival Internacional de Teatro de Expressão Ibérica está de regresso de 10 a 21 de maio