Galicia Escena PRO, a feira de artes escénicas promovida pola Xunta e organizada en colaboración coa asociación profesional Escena Galega, celebra a semana que vén o seu décimo aniversario. Faino congregando durante catro días en Santiago de Compostela máis de 180 axentes do sector co obxectivo de dinamizar a contratación dos espectáculos de produción galega, ao tempo que impulsar a súa proxección social. Segundo avanzou hoxe a Agadic, “teñen confirmada a súa asistencia representantes de 75 feiras, festivais, circuítos e espazos culturais de dentro e fóra de Galicia e de máis de 100 compañías galegas e empresas de produción e distribución de teatro, danza e circo, sumando unha das maiores cifras de participación do evento”.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, presentou hoxe as liñas xenéricas da programación deste ano, que ademais das actividades estritamente profesionais, volve abrirlle as portas ao público xeral para a asistencia gratuíta ás representacións dos espectáculos. Sutil, quen estivo acompañado polo presidente de Escena Galega, Santiago Cortegoso, explicou que a estrutura de Galicia Escena PRO continúa poñendo o foco nas persoas responsables da programación cultural e demais axentes que exercen de mediadores entre artistas e espectadores.
Entidades de España e Portugal
A este respecto, destacou a presenza a vindeira semana en Santiago de representantes de teatros, salas e auditorios públicos e privados, así como de feiras, circuítos e mostras tanto de Galicia como do resto de España (MADferia de Madrid, festival Dansa Valéncia, FiraTàrrega de teatro de rúa, Fira del Circ de Catalunya, Teatro Gayarre de Pamplona, Teatre L’Artesà de El Prat de Llobregat, Circuito Estatal para Audiencias Escolares Audaces…), ademais de Portugal (FITEI do Porto, Feira Ibérica do Teatro de Fundao e Teatro Art’Imagen de Maia).
Sutil explicou que o equipo organizativo “optimizou cada unha das actividades propostas coa prioridade de apelar á interacción persoal e ao factor humano”. Neste sentido, volverá contarse co Centro Obra Social Abanca como sede profesional do encontro, onde se desenvolverán máis de 400 reunións de traballo entre programadores e representantes de compañías, produtoras e distribuidoras, xa concertadas a través da figura da “facilitadora”, papel que este ano desempeña Eva Triñanes.
Outro dos eixes centrais de Galicia Escena PRO é a difusión dos 30 espectáculos e proxectos galegos seleccionados, dos que 18 se representan en formato completo e outros 12 se compartirán exclusivamente cos profesionais acreditados nas dúas sesións de pitchings. A listaxe resultante conxuga compañías de longa traxectoria no panorama teatral galego con formacións emerxentes, así como espectáculos de distintas disciplinas e temáticas, tanto para o público adulto como para o familiar, que se atopan na primeira fase do seu percorrido polos escenarios.
Mantense, ademais, o intercambio co certame MADFeria de Madrid, a través do que Galicia Escena PRO recibe a compañía Inconstantes Teatro con Hasta que la muerte nos separe, mentres que a galega Colectivo Glovo actuará o vindeiro 16 de xuño nas Naves del Matadero coa peza de danza TABÚ.
Estrea de Furia Sotelo
O Salón Teatro, o Teatro Principal, o Auditorio Abanca e a Fundación SGAE son os escenarios para as representacións dos espectáculos seleccionados, que se estenden así mesmo ás prazas de San Martiño Pinario e Mazarelos con tres propostas de rúa. Os títulos que se exhibirán en pases completos, con acceso ao público xeral, son Crisálida de Caramuxo Teatro, Vaivén de Marcia Vázquez, A nai de Amorodio Teatro e Arraianos de Sarabela Teatro o luns 29; Solo de Roi Borrallas, Mosca de Ártika Cía., Bionic de La Guajira e Hamelin de Redrum Teatro o martes 30; Hasta que la muerte nos separe de Inconstantes Teatro, Alleo de Colectivo Glovo, Vestirme de ti de Furia Sotelo −en estrea absoluta para Galicia Escena PRO−, Outrora nós de Mevadeus, Sofá de Marta Alonso Tejada Cía. e In-gobernable de Uxía Morán o mércores 31, e Multiperspectivas #2 de Paula Quintas Cía., 3240 de DeuVe, Iphixenia na porta do súper de Compañía Humana, Backstage de NegroLópez e Unha inimiga do pobo de Talía Teatro o xoves 1 de xuño.
O público xeral que desexe asistir a estas funcións deberá retirar previamente os convites dispoñibles (máximo dous por persoa) en horario de 9.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas no Centro Obra Social Abanca.
En canto ás propostas que se avanzarán nas presentacións breves de Galicia Escena PRO, a comisión encargada da escolma seleccionou Anöa de Elvi Balboa, Compaña de Xampatito pato, Kyoki de Elefante Elegante, Monstros de Producións Teatrais Excéntricas, Nanai da China de Pérez & Fernández, Perder a lingua de Eva Comesaña e X de Fran Sieira, Compañía de Danza para o primeiro día de mercado, e Birds on Wire de Pistacatro, Deadpan Karaoke de Ibuprofeno Teatro, Entrega en man de Contraproducións, Frío de A Feroz e Iribarne de ButacaZero para a xornada do mércores.
Mesas redondas
Ambas as sesións terán lugar na sede profesional de Galicia Escena PRO, que acollerá tamén as dúas mesas redondas desta 10ª edición: A mediación cultural nas artes escénicas. Proxectos e dinámicas o martes, e O circo e danza nas feiras e circuítos estatais o xoves 1.
Ademais e como actividades complementarias, programaranse os concertos de Paraíso Teatro o martes na Sala Riquela e o De Ninghures e Mondra o mércores na Sala Capitol, este último no marco da aceleradora de proxectos musicais Sonemerxente, que está a desenvolver a Xunta de Galicia coa colaboración da Fundación Paideia. A programación completa pode consultarse na web de Galicia Escena Pro.