A Deputación de Pontevedra e a Fundación Igual Arte, que desde o ano 2002 traballa para que as persoas con diversidade funcional poidan expresarse de maneira artística, están a levar o espectáculo de danza e teatro HabitarMe neste mes de xuño a cinco concellos da provincia. A peza está interpretada polas persoas da entidade que integran Al Lío, a compañía teatral ao abeiro da fundación, e a xira comezou o día 10 de xuño e desenvolverase ata o día 25, pasando polos concellos de Bueu, Cambados, Salceda de Caselas, Gondomar e Redondela.
Al Lío é unha compañía de teatro, danza e expresión corporal que cuestiona a relación entre o corpo e a mente a través de historias da vida cotiá dende unha perspectiva feminista. Neste proxecto as súas integrantes interpretan “HabitarMe”, unha peza de danza-teatro que trata sobre mulleres diversas, ben habitadas, que fan, que cuestionan, que están incómodas, que optan por moverse da seguridade do preestablecido porque descobren que hai outras formas que as definen. A obra fala da dialéctica do non parar, non pensar, non sentir e de súpeto un crack, unha pausa, un alento máis longo do habitual, onde nacen as ganas. Dirixida por María Romano, a peza será interpretada por Helena Cuber, Eva García, Vanesa Lea e Carmen Gómez.
A xira de HabitarMe, con entrada libre ata completar o aforo, arrancou o sábado 10 de xuño no Centro Social do Mar de Bueu, ás 21.30 horas. O domingo 11 chegou a Cambados coa función no Auditorio Municipal ás 20.00 horas. O espectáculo viaxará o domingo 18 ao Auditorio Municipal de Salceda de Caselas, ás 20.00 horas e o sábado 24 ao Auditorio Luis Tobío de Gondomar, tamén ás 20.00 horas. O ciclo pecharase en Redondela o domingo 25, coa función no Auditorio Multiusos da Xunqueira ás 19.00 horas.