in ,

Festival Sementes: 28 anos sementando o presente e o futuro

Crónica de Xoán Carlos Riobó e Antón Lamapereira da 28ª Mostra Internacional de Artes para O Pequeno Público

Teatro Extremo
Teatro Extremo. Imaxe de Luís Aniceto.

Sementes, Mostra Internacional de Artes para o Pequeno Público, celebrouse en Almada e as súas freguesías, en parcería cos concellos de Loures, Montemor-O-Novo, Palmela, Seixal, Sesimbra e Setúbal, desde o 19 de maio ata o 4 de xuño. Presentou nesta 28 edición un total de 26 compañías, seguindo na súa programación o criterio representativo do 50% de compañías que van desde o norte ao sur de Portugal, e o outro 50% estranxeiras (España, Francia, Italia, Alemaña e Arxentina). A oferta foi moi variada, comprendendo espectáculos de teatro de actor, marionetas, hologramas, teatro de obxectos, circo, pallasos, música, teatro de rúa, contadores de historias e biblioteca itinerante, ademais de 10 obradoiros e xogos.

Na última semana do festival puidemos ver os espectáculos programados no Teatro Fórum Romeu Correia e o Teatro-Estúdio António Assunção de Almada, tamén nos espazos ao ar libre como foron o parque urbano de Fernando Ferro no Seixal, a praza da Biblioteca Municipal José Saramago de Feijó e o último día no Parque da Paz en Almada.

O Plano/Galateia. As mãos das águias

Galateia é un colectivo cultural de Lisboa que abarca distintos proxectos como a produción de libros, animación, exposicións, espectáculos e outras intervencións artísticas.

A dramaturxia de As mãos das águias está elaborada a partir de tres contos, A Água e a Águia, de Mia Couto, A Mãezambik, de Manu Sarujine e Dora Sales e As Mãos dos Pretos, de Luís-Bernardo Honwana. No proceso de creación tamén participaron crianzas das escolas de ensino primario, que achegaron textos e ideas, incorporadas por Miguel Jesus e Susana Mateus.

Os contos, narrados por Juliana Pinho, Miguel Jesus e Nylon Princeso, mergúllannos nun mundo poético que interroga sobre as raíces, de cando nada existía, de cando as nais aínda non naceran, de cando o bater das ás da águia era a única agulla do tempo.

A escenografía do espectáculo, semellando un tellado a dúas augas, crea tres espazos que obriga ao pequeno público a moverse dentro do propio escenario para escoitar cada unha das historias.

Ao remate do espectáculo houbo un coloquio e chamounos a atención a pregunta dunha nena sobre algo que escoitara no último conto: Por que menten os adultos? Unha boa pregunta, responderon os tres ao unísono. Despois dun silencio, a súa resposta foi: Acredita en ti.

Este espectáculo está coproducido polo Festival Todos, de Lisboa, o Festival FIAR, de Palmela e o Festival Sementes de Almada.

El Sapinho. Beatriz e o peixe palhaço

Elsa Pinho, licenciada en teatro pola Escola de Música e Artes do Espectáculo ten traballado con diferentes directores, entre eles, Moncho Rodríguez. Despois de colaborar con el en distintos proxectos como foi Fafe, Cidade das Artes e na Feira de Bonecos, Marionetas e Formas Animadas de Freixo de Espada á Cinta, nesta ocasión achega á escena Beatriz e o peixe palhaso (Editorial Novembro, de Vilanova de Famalicão), escrito e dirixido por este creador nacido na Galiza e arraigado ás terras de Brasil e Portugal.

O espectáculo reflicte a conflitiva relación da nena Beatriz cos adultos e mesmo o progresivo diálogo co peixe pallaso que está metido dentro do acuario. A actriz desenvolve todos os personaxes na escena dándolle características propias e fala da necesidade de liberdade, da amizade e o amor entre amigos desde un pensamento utópico, mais necesario.

La Fabiola. Attenti a quei due

Nives Valsecchi e Giancarlo Casati, forman a compañía italiana La Fabiola. Ambos os dous constrúen e manipulan as súas marionetas mediante un sofisticado sistema de fíos e mecanismos, logrando unha expresividade moi natural.


Publicidade

Attenti a quei due, está protagonizado por dous personaxes, Giulio o canciño xoguetón e Fabiola, a nena travesa. Cada personaxe, coas súas propias ocorrencias, actúa de xeito individual, chegando a establecer unha relación entre eles e o público. As marionetas, dotadas dunha incrible vida, engaiolan a crianzas e adultos pola proximidade, sinxeleza e limpeza dos movementos, chegando a conseguir unha comunicación case real. Todo iso pasa sen palabras.

O Parque da Paz

Non é a primeira vez que se usa este parque para clausurar o festival. Nesta enorme zona verde para o lecer da poboación de Almada, o festival Sementes ocupa un espazo ao longo dun paseo central. Xente de toda idade e condición, curiosos paseantes e outros que chegan adrede, concorren no mesmo lugar para ver os espectáculos que acontecen durante todo o día.

Nas primeiras horas da mañá realizáronse dous obradoiros para as crianzas. Capital da alegría, ofrecido por O mundo do Espectáculo, consistiu en facer a maqueta dunha cidade en miniatura utilizando cartóns de cores. Busca así, a participación colectiva para reflexionar sobre a utilización do espazo urbano. O segundo obradoiro impartido por Cal y Canto utilizaron materiais reciclables para facer esculturas aéreas e pequenos animais voadores inspirados nos creadores do cubismo.

TITIRISCOPIO
‘Titiriscópio’. Imaxe de Luís Aniceto

Entre os espectáculos subliñamos Titiriscopio, de Arawake, compañía burgalesa que recibiu en 2014 o I Premio de Innovación Cultural do Fórum de Cultura. O espectáculo realízase nunha caixa lambe-lambe que ten unhas características especiais. O aparello, cun aspecto galáctico, simula o Teatro Principal de Burgos a escala 1/35. Del saen 8 tubos con espellos onde 8 espectadores poden ver e escoitar con auriculares o espectáculo, situándose en distintos puntos do interior do teatro. As historias que conta son fragmentos dunha ópera oriental, O segredo de O sono e o musical Dancing in the rain. O manipulador traballa dentro da caixa con pequenas marionetas e utiliza a proxección de hologramas para darlle un aspecto tridimensional ao pequeno espectáculo.

DRAGONOLOGIA
‘Dragonologia’. Imaxe de Luís Aniceto.

Wetumtum e Proxecto Ez participaron con dous propostas diferentes. Dragonologia envolve aos participantes nun universo de fantasía ao aparecer un dragón guiado por unha estraña persoa que se dirixe ao público con moito descaro. Sr Sabão recrea o imaxinario dos vendedores ambulantes, neste caso, tirando dun pequeno carriño de pompas de xabrón. Ambos son pasarrúas e as crianzas participan directamente dos xogos que propoñen estes atrevidos personaxes.

Tosta Mista-O malabarista chegou nunha casa ambulante e ofreceunos TO+1. Con este espectáculo, Thorsen Grütjen fainos reflexionar sobre a importancia da casa e como a utilizamos cada un de nós. Por medio desta dramaturxia vai incorporando xogos e números malabares.

BIBLIOTECA ALETRIA
Biblioteca Aletria. Imaxe de Luís Aniceto

A Bilioteca ambulante Aletria, é un espazo de acceso libre que ofrece libros, lecturas, conversas, obradoiros e actividades para toda a familia durante todo o día. Ao seu carón, os cataláns Tombs Creatius despregaron distintos xogos feitos de madeira reciclada. Quen supere as enxeñosas probas, o espectador poderá ver por un pequeno buraco as distintas criaturas máxicas que cada un deles contén. The Strange Travel of Mr. Tonet, está baseado nas viaxes que realizou este intrépido Mr. Tonet.

THE STRANGER TRAVEL OF MR TONET
‘The Stranger Travel of Mr Tonet’. Imaxe de Luís Aniceto

Como acto final, a compañía castelá Cal y Canto, pechou o festival con The Wind Garden. O espectáculo propón a recuperación de lugares naturais a través da danza e o manexo de grandes obxectos voadores. Tamén contou coa participación das crianzas que asistiron ao obradoiro matinal.

THE WIND GARDEN
‘The Wind Garden’. Imaxe de Luís Aniceto.

Esta 28 edición foi posible grazas ao traballo de Teatro Extremo, compañía residente no Teatro-Estúdio António Assunção de Almada, que recibiu apoio da DGARTES e que tamén estreou a súa 60 produción no festival con A.norm@L, un espectáculo dirixido por Juliana Pinho, de Teatro O Bando. Esta compañía leva 28 sementando o presente e o futuro dunha sociedade que está a atravesar momentos complicados. Grazas, Sementes por sementar.

Xoán Carlos Riobó

Xoán Carlos Riobó

Director de escena e dramaturgo. Desenvolve a súa actividade teatral con grupos de adolescentes e adultos dentro do ámbito escolar e amador (Obradoiro de Teatro María Soliña, Teatro a Réplika e Teatro Aberto). Como dramaturgo ten publicados varios textos para crianzas e adolescentes en Edicións Fervenza: 'O retábulo das marabillas no país do chapapote', 'Acariñando os desexos' e 'A viaxe de Burhan: Éxodo'. Fundador da Mostra de Teatro Escolar de Cangas. Dirixe o Ciclo de Teatro Afeccionado do Morrazo. Membro dos grupos de traballo que organizan a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) e a Mostra de Teatro do Ensino Secundario do Morrazo (MOTESMO). É membro do consello de redacción da 'erregueté'.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'Calvário' de Rodrigo Francisco. Companhia de Teatro de Almada. Foto: Patrícia Mateus.

‘CALVÁRIO’ de Rodrigo Francisco | Companhia de Teatro de Almada

Teatro Aberto cartel. (2)

Teatro Aberto estrea ‘A trenza dos feitos amargos’