A Fundación SGAE vén de lanzar en Galicia unha nova convocatoria dos seus Laboratorios de Creación. Estes, impulsados polo Consello Territorial de SGAE na Comunidade, admiten propostas de proxectos musicais, teatrais e audiovisuais. En cada categoría serán seleccionados un ou dous proxectos, que contarán cunha persoa que os titorizará (nesta ocasión serán Pablo Novoa, nos de música; José Prieto, no de teatro; e Alberto Guntín nos de audiovisual), e 1500 euros de bolsa, así como dietas.
O prazo para presentar proxectos a esta convocatoria está aberto ata o 28 de xullo, incluído. Despois, o programa seleccionará 2 creadores/as musicais con proxectos en desenvolvemento, 1 dramaturgo/a con traballo en fase de escritura e 2 guionistas ou directores/as con guións de ficción. O labor dos titores será coordinar e orientar os seleccionados nas súas respectivas categorías durante o proceso de creación.
Os laboratorios buscan “pulir, definir e concretar os proxectos presentados e fomentar a convivencia e o intercambio de experiencias entre profesionais”. Combinarán unha semana de traballo intensivo presencial en Santiago de Compostela cunha serie posterior de encontros telemáticos e dúas sesións presenciais de conclusión. Ademais das titorías, ofreceranse clases maxistrais adicionais de expertos nestas disciplinas. O fallo do comité de selección darase a coñecer o 19 de setembro de 2023, e a celebración dos laboratorios desenvolverase entre outubro de 2023 e marzo de 2024.
Descarga aquí as bases completas dos Laboratorios de Creación da SGAE de 2023
OS TITORES
Pablo Novoa é un compositor e músico con máis de 40 anos de carreira. Foi membro fundador de Golpes Bajos e La Marabunta. Como músico, arranxador ou produtor ten traballado intensamente con Los Ronaldos, Los Enemigos, Julieta Venegas, Bebe ou Iván Ferreiro. Foi director musical dos espectáculos de Xabarín Club e no programa televisivo Late motiv. Tamén defende proxectos propios como Pablo Novoa, Radio Pesquera ou Diario de Navegantes (con Xosé Manuel Budiño), tal e como lembran dende a convocatoria.
José Luis Prieto é un dramaturgo e director de escena con máis de 30 anos de experiencia. Foi gañador por dúas veces como mellor autor teatral en galego nos Premios Max: Monólogo do imbécil (2003) e Fobias (2005). Ademais, varias das súas obras foron galardoadas nos Premios María Casares. “É un dos autores máis importantes que deu o teatro galego contemporáneo e unha referencia para toda unha xeración, especialmente no ámbito da comedia”, sinalan dende a Fundación SGAE.
Alberto Guntín é un guionista con 25 anos de experiencia profesional. Escribiu para series como Mareas vivas, Padre Casares, Matalobos, Serramoura ou Montecristo. Foi director de Desenvolvemento de Voz Audiovisual e traballou no equipo de contidos de series de Netflix España. Alterna o seu traballo de guionista coa docencia no Mestrado en Produción Xornalística e Audiovisual e diversos laboratorios.