A compañía Nova Galega de Danza cumpre vinte anos este ano e comeza os actos de celebración coa presentación dunha nova peza, BERRO. A estrea terá lugar no Pazo da Cultura de Narón hoxe, sábado 30 de setembro, ás 20.00 horas.
BERRO preséntase como unha peza que procura recuperar a memoria colectiva: “Representa o baleiro que supón ser individuos sós e illados nunha sociedade sen memoria que debe procurar o movemento que lle lembre o seu pasado. Nunha viaxe que conecta os estados emocionais, amosa a importancia de recuperar esa esencia ancestral -a tradición, a terra, a raíz, a familia e a casa- a través da experiencia colectiva, sentido a transformación na expresión do corpo”.
Por medio de movementos pixelados que nacen do detalle, pausas, silencios e accións símbolo da lembranza ou a memoria da frase tradicional galega, como a expresión física e emocional, o elenco de bailaríns reproduce unha coreografía que conta coa dirección artística de Sharon Fridman, profesional israelí que ten traballado con agrupacións de todo o mundo e levado recoñecementos como o Premio Max á mellor coreografía.
Nesta ocasión, ao habitual corpo de baile da compañía (no que se atopan o gañador dun Premio Max, Iván Villar, e os nomeados Ricardo Fernández e Inés Vieites) súmase o director de Nova Galega de Danza, o ferrolán Jaime Pablo Díaz. A música estará asinada por Sergio Moure de Oteyza, nominado ao Goya á mellor banda sonora e habitual no equipo nestes vinte anos de percorrido.
As seguintes representacións de BERRO en 2023 serán o 28 de outubro en Ourense e o 2 de decembro en As Pontes. En 2024 haberá novas datas e actividades para continuar celebrando o aniversario dunha das primeiras compañías privadas de danza de Galicia.
Vinte anos unindo tradición e modernidade
Nova Galega de Danza, creada en 2003, naceu coa vocación de innovar ao tempo que fusiona en vivo a danza e música de raíces galegas. Nestes vinte anos representou sete espectáculos: Credo (2022), Leira (2020), Son (2016), Dez (2013), Tradición (2008), Engado (2006) e Alento (2003). A compañía acolleu nos seus vinte anos unha escolma da cultura tradicional e contemporánea de Galicia a través de artistas como Mercedes Peón, Xurxo Fernandes, Rosa Cedrón ou Aida Tarrío (Tanxugueiras). Chegou a converterse na primeira compañía de baile de Galicia en ser galardoada nos Premios Max das artes escénicas, certame promovido no ámbito estatal pola SGAE.
Vegalsa-Eroski é o patrocinador principal de Nova Galega de Danza, e BERRO conta tamén co apoio das seguintes entidades colaboradoras: Xunta de Galicia,Xacobeo 2021-2022,Padroado da Cultura do Concello de Narón,Concello das Pontes, Concello de Valdoviño, Laboratorio Escénico COOP e Escena Galega.