O Festival Galicreques, organizado pola asociación Barriga Verde co apoio do Concello de Santiago, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Ministerio de Cultura e Deporte e a Fundación SGAE, arrancou esta fin de semana a súa 28ª edición, que se desenvolverá ata o 15 de outubro, ofrecendo máis de sesenta funcións. A programación iniciouse onte, sábado, nunha xornada protagonizada polas compañías galegas Nauta e Títeres Alakrán, a vasca Panta Rhei e a colombiana Los Juglares.
A primeira das actuacións de Galicreques neste ano correu a cargo das compañías galegas Nauta e Títeres Alakrán, que colaboraron para estrear un novo espectáculo de rúa chamado FDCHCHS.
Deseguido, a compañía vasca Panta Rhei estreou a súa peza La Osa Estelar, un traballo que combina música e monicreques. E, posteriormente, a compañía colombiana Arlequín y Los Juglares amosou a súa obra Fábulas, cuentos y canciones para alegrar los corazones, combinando teatro de actor/actriz con monicreques e narración oral.
A programación continuou hoxe en diferentes lugares de Santiago de Compostela, nos que se puideron ver obras como Títeres a cielo abierto, do arxentino Manu Mansilla, un espectáculo familiar que combina varias técnicas de manipulación de monicreques e convida o público a interactuar a través de diversas historias; unha nova función de La Osa Estelar, de Panta Rhei; La Princesa o según se mire, da compañía aragonesa Proyecto Carabana, unha proposta de bonecos de luva; Selkie, a lenda do mar do norte, do galego Luis Vallecillo, un traballo que mestura música e monicreques; e Vicente, el pirata valiente, da compañía valenciana La Carreta, que estreou esta peza que narra a aventura imaxinaria dun neno que cumpre o maior dos seus soños: ser pirata e viaxar ao fondo do mar.
A programación desenvolverase ata o domingo que vén, día 15 de outubro, con funcións xerais cada día, e tamén cunha ampla oferta de funcións escolares.
Programa completo do XXVIII Festival Galicreques
Funcións escolares
O festival arranca mañá, luns, a súa programación escolar, a través da cal máis de 1250 estudantes de 22 centros de ensino primario e secundario asistirán como público ao cartel de representacións preparado dentro do Galicreques para as e os espectadores escolares.
Co inicio este luns da programación escolar, o Galicreques quere afianzar un dos piares fundamentais sobre os que se sustenta este festival dende os seus inicios: “o achegamento ás xeracións miúdas co obxectivo de captar novos públicos”.