in

Camiño Escena Norte chega a Viveiro, Carballo, Vimianzo e Portomarín

Dentro da quinta edición do programa de intercambio cultural

Circus Magníficus 004
'Circus magníficus', de Malabaracirco.

Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas que celebra este ano a súa quinta edición entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, achegará esta fin de semana novas funcións do seu programa de exhibición e encontros co publico ás localidades de Viveiro, Carballo, Vimianzo e Portomarín. Do venres 13 ao domingo 15, a veciñanza destes municipios poderá gozar coas representacións de Sexpiertos, da compañía vasca Tanttaka Teatroa, Misery, da asturiana Saltantes Teatro, ou de Circus Magníficus, da cántabra Malabaracirco.

Un dos pratos fortes do circuíto de funcións do nomeado Itinerario Constelacións é o espectáculo Sexpiertos, da compañía vasca Tantakka Teatroa, unha peza que obtivo o Premio Max 2023 á Mellor Labor de Produción. O protagonista e cocreador é Telmo Irureta, quen acadou o Premio Goya 2023 ao Mellor Actor Revelación. Na peza interpreta a Nico, un xornalista con parálise cerebral. Sobre o escenario, con Ana (Miren Arrieta), unha vendedora de caramelos sumida en múltiples contradicións, explicarán sen complexos as súas vivencias afectivo-sexuais para amosar que todas as persoas teñen diferentes medios, soños e ilusións.

Sexpiertos contará esta fin de semana cunha dobre función en Galicia. Por unha banda, o venres 13 estará na mariña lucense, concretamente, no Teatro Pastor Díaz de Viveiro (20.30 horas). Ao día seguinte, o elenco viaxará ata Carballo, para presentar a súa proposta no marco do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT. A 32ª edición do FIOT foi elixida este ano como a iniciativa cultural galega da liña de programación Vieiros, que pon en valor o proxecto noutros territorios participantes do CEN (Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra).


Publicidade

O sábado 14, a actividade de Camiño Escena Norte centrarase na Costa da Morte. Ademais da representación de Sexpiertos no Pazo da Cultura de Carballo (20.30 horas), na que haberá un encontro ao finalizar co público, CEN chegará ata Vimianzo para presentar Misery, a adaptación teatral de William Goldman sobre a novela de terror homónima de Stephen King. Considerada unha proposta de culto no eido do terror psicolóxico, a peza será interpretada pola compañía asturiana Saltantes Teatro. Ao remate da función (que terá lugar no Auditorio da Casa da Cultura a partir das 20.30 horas), celebrarase un encontro co público que contará coa mediación de Santiago Cortegoso, director de Ibuprofeno Teatro e presidente de Escena Galega.

A última proposta para esta fin de semana chegará da man da compañía cántabra Malabaracirco, cunha ampla traxectoria en festivais e encontros de Europa, África e América, e responsables da xestión e coordinación da Escola Municipal de Circo e Teatro Físico de Torrelavega. Trátase do espectáculoCircus Magníficus,unha divertida peza na que unha singular troupe, liderada por Giuseppe Morosso, sorprenderá ao público ao combinar malabares, maxia, equilibrismo, funambulismo e, moi especialmente, altas doses de humor. A cita será o domingo 15, a partir das 18:00 horas, na Praza do Camiño de Portomarín.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vicente el pirata valiente

A 28ª edición do Festival Galicreques arrancou esta fin de semana

É MEU AMIGO © Vanessa Rábade

O FIOT de Carballo acolla a estrea do espectáculo inclusivo ‘É meu amigo!’