in

Jon Fosse, Premio Nobel

'Taller de caretas' (1943) de José Gutiérrez Solana. Colección do Museo de Belas Artes de Bilbao.
'Taller de caretas' (1943) de José Gutiérrez Solana. Colección do Museo de Belas Artes de Bilbao.

O xoves da semana pasada, 5 de outubro, San Froilán, festas de Lugo, recibiamos unha moi boa nova: o dramaturgo noruegués Jon Fosse recibía o Premio Nobel de Literatura 2023.

Ademais de ter unha produción narrativa importante, Fosse é recoñecido internacionalmente pola súa literatura dramática. En Galicia non temos ningunha obra súa traducida e tampouco o puidemos ver en ningún dos nosos escenarios. Porén, si que entrou, desde hai anos, nas aulas de dramaturxia da ESADg e non nos é un descoñecido. No meu caso, incluso, trátase dun referente profundo na miña escrita dramática, porque desde que coñezo a súa obra, tanto por lelo como por velo representado fóra de Galicia, me ten impresionado a musicalidade rítmica na maneira de estruturar e dispoñer os diálogos, a súa capacidade para xerar atmosferas existenciais, que transcenden o individual e que traballan coa parte máis misteriosa das relacións humanas. Tamén a ambigüidade na concepción dos personaxes e das situacións, niso que algúns críticos denominaron “minimalismo Fosse”, o xeito no que a intimidade acaba por ser a cerna do mundo e a chave do que nos move, ese lugar secreto e vulnerable, a intimidade. Pero, sobre todo, o que máis me atrae da dramaturxia de Jon Fosse é como os mecanismos rítmicos dispoñen tensións, que conducen o sentido das súas obras, máis do que o propio significado das palabras e das quendas de fala. O xeito no que esa articulación das tensións rítmicas, nas relacións entre os personaxes, constrúe o sentido desde o que non se di, máis do que aquilo que é proferido.

Tamén me reconforta observar que se trata dun dramaturgo que, até onde eu sei, non segue as tendencias en boga promovidas por festivais e direccións artísticas, tipo a moda do teatro documento ou o frenesí da denominada “autoficción”, nin recorre ao oportunismo temático, por exemplo, agora todos a facer pezas sobre a guerra, ou preparar pezas sobre a muller para o mes de marzo, seguindo os ditames de efemérides e institucións. Trátase, pola contra, até onde eu sei, insisto, dun creador libre e cunha voz autoral propia. Neste senso, chamoume a atención unha das súas respostas nunha entrevista, na cal parece poñer en foco a importancia da escoita e da porosidade á hora de escribir:

“When I’m writing well, I have this very clear and distinct feeling that what I’m writing on is already written. It’s somewhere out there. I just have to write it down before it disappears.”

“Cando escribo ben, teño a sensación moi clara e distintiva de que o que estou a escribir xa está escrito. Está nalgún lugar aí fóra. Só teño que escribilo antes de que desapareza”.

Creo que a primeira vez que vin algo de Jon Fosse sobre os escenarios foi nunha sorprendente montaxe de Patrice Chéreau en Avignon, aló polo 2011, de Je suis le vent, con dous actores británicos e en inglés: I Am the Wind, na que dous personaxes aparentemente indeterminados se (re)encontraban nun lugar igualmente indeterminado, encima dunha pequena plataforma rectangular inestable no medio da auga, unha especie de Vladimir e Estragón de Á espera de Godot de Samuel Beckett. Je suis le vent foi tamén unha das partituras de accións que utilicei para as prácticas de análise na miña tese doutoral O ritmo na dramaturxia. Teoría e práctica(UAB, 2015).


Publicidade

Tamén lembro ter visto O filho por Teatro da Rainha (Caldas da Rainha. Portugal), con dirección de Fernando Mora Ramos, en 2019, no Teatro Nacional São João do Porto. E sei que, no país veciño, Artistas Unidos de Lisboa teñen publicado e escenificado algunhas pezas, a última: Foi assim, no Teatro da Politécnica este mesmo ano 2023, con dirección de António Simão.

Alén do sinalado, que o Premio Nobel recaia nun dramaturgo que, ademais, escribe nunha lingua que non é maioritaria, pois o nynorsk é un dos estándares oficiais do noruegués que é só falado por uns cinco millóns de persoas, é unha ledicia para as dramaturgas e dramaturgos no estándar da lingua galega (RAG).

Ao día seguinte de saberse a feliz noticia, o venres 6 de outubro, levei ás aulas de Dramaturxia algunhas pezas de Jon Fosse que teño na casa, para que o alumnado lles botase un ollo e tivese nas mans algún libro deste dramaturgo. Ninguén, do primeiro ano de Dirección escénica e Dramaturxia coñecía a súa obra. Preguntei que lles parecía o que podían apreciar, nos textos que lles acababa de pasar, e unha alumna comentou que semellaba poesía, polo xeito no que se dispoñían as palabras nas páxinas.

Rematei a aula lembrándolles que o itinerario de Dramaturxia é o único, dentro das especialidades da ESADg (Interpretación, Escenografía, Dirección escénica), que pode conducir ao Premio Nobel, que non cho conceden por ser actor, directora de escena nin escenógrafa. A brincadeira non sei se tivo algún efecto, non obstante, é pertinente nun contexto como o noso, no que a dramaturxia, malia ser a nai de calquera espectáculo de teatro, parece a invisible, a esquecida e a menos considerada. Por iso, Premios Nobel recentes como Harold Pinter, Elfriede Jelinek, Dario Fo, Samuel Beckett, ou máis afastados no tempo, como Maurice Maeterlinck ou Jacinto Benavente, poden axitar un pouco certos prexuízos e, se cadra, até mover os marcos.

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Mención Honrosa no Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2019 do Festival de Almada (Portugal, 2020).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Pablo Méndez Performances

‘Sobe aos teus soños’ abre a nova temporada de Vigocultura

Vicente el pirata valiente

A 28ª edición do Festival Galicreques arrancou esta fin de semana