in ,

Ellos y yo o esa extraña sensación de que los árboles te miran

Os doces 90

jordifont
'Ellos o yo o esa extraña sensación de que los árboles te miran'

A infancia é ese período de tempo que comprende dende os cero aos doce anos dun neno ou dunha nena, e que supón unha primeira ventá ao mundo. Aprendemos a observar a realidade dende que nacemos. Nos nosos primeiros anos de vida os nenos e nenas semellamos esponxas; queremos aprendelo todo, queremos sabelo todo. Cando somos infantes, as conexións neuronais do noso cerebro fan que absorbamos toda a información posíbel nunha pequena cantidade de tempo, xogamos como Peter Pan  no país de Nunca Xamais e recordamos con tenrura esa etapa cando chegamos á madurez adulta.

Ellos y yo o esa sensación de que los árboles te miran fala da infancia, da inocencia, do imaxinario dun neno que creceu nos noventa con Son Goku, as Tartarugas Ninja e co troque de cromos no patio do colexio. Da nostalxia  dos anuncios de xoguetes locutados por Constantino Romero. Das grandes familias nas que as máis das veces tíos e sobriños comparten xeración debido ao chanzo de idade entre os irmáns maiores e os máis novos. E ao final da peza, case que agochado xorde o tema da perda a unha idade temperá.

O creador escénico, director, e intérprete Jordi Font, reflexiona sobre como un neno se atopa coa morte dun ser querido a unha idade na que aínda non entende moi ben o que significa iso.

Neste ambiente bucólico da infancia, o intérprete propón unha viaxe interior a partir da sua propia historia familiar onde os obxectos adquiren a mesma importancia que o propio protagonista. Jordi Font  recorre aos labores que realizaban as nosas maiores nos seus fogares, para presentar os demais actantes;  bobinas de lá. Estas van converterse en cada un dos membros da súa familia, e nel mesmo.


Publicidade

“El seu treball proposa una trobada íntima entre materials documentals, populars i quotidians” empregando maxistralmente o video mapping en escena, o que leva ao espectador a  introducirse dentro da peza a través das distintas imaxes proxectadas e do espazo sonoro. A palabra acompáñase dos xestos, da manipulación dos obxectos, das imaxes visuais e dos efectos sonoros. A narración oral omítese cando é prescindíbel. Jordi Font, “crea a partir del gest, la imatge i la paraula”, combinando os tres conceptos de maneira excepcional.

Nesta peza, a escenografía destaca  polo seu dinamismo e implicación. Unha estrutura de madeira que chama a atención pola súa forma pentagonal lisa, que se desencaixa coma un crebacabezas. Este vaise descompoñendo pouco a pouco para dar lugar as distintas estancias da casa familiar.

O crebacabezas  rompe coa chegada do clímax. A desorde suxire unha rotura co mundo fantástico do noso personaxe. Conectamos coa perda e sentimos o baleiro do personaxe, reflexionamos con el o que vén despois, que vén despois? A narración textual e xestual combínanse para recompoñer ese crebacabezas, novo, diferente ao anterior, rexurdindo das cinzas coma un ave fénix, mirando cara ao presente pero sen esquecer o pasado.

Ellos y yo o esa sensación de que los árboles te miran.

Creación direción e interpretación: Jordi Font Alonso

Deseño audiovisual e direción: Nina Solà Carbonell

Musica orixinal e deseño sonoro: Gerard Valverde

Sala Ártika. Vigo, 29 de setembro de 2023.

Sara Santamaría

Sara Santamaría

Actriz, creadora e filóloga de inglés. Formada en Espazo Aberto (Santiago de Compostela) e en Central de Cine (Madrid) ten experiencia no eido audiovisual en series como Amar es para siempre , Augasquentes; e o spot publicitario de Gadis (2021). No eido teatral participou na obra Antigona de El Desván producciones, e conta cunha peza de creación propia, El valle de la silicona, á vez que está a traballar na dramaturxia do seu próximo proxecto. Na actualidade está a finalizar os seus estudos de interpretación textual na ESAD de Galicia.

"Escribo para expresarme, para comunicar e deixar pegada; así comezo a colaborar coa revista 'erregueté'".

Un comentario

Retrucar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

París, Agosto de 2022. Foto: Irene Moreira.

Conciliar as preposicións co teatro

Manuela Is In Da House

O CDG estrea o espectáculo ‘Manuela Rey Is In Da House’