in ,

O CDG estrea o espectáculo ‘Manuela Rey Is In Da House’

A montaxe inaugura mañá a 7ª edición do Festival de Teatro de Viana do Castelo

Manuela Is In Da House
Manuela Rey Is In Da House

O Centro Dramático Galego ultima a estrea en Portugal da súa próxima produción, Manuela Rey Is In Da House, xunto ao Teatro do Noroeste-Centro Dramático de Viana, o Teatro Nacional D. Maria II de Lisboa e o Teatro Nacional São João do Porto, nunha nova colaboración que afonda na proxección exterior da unidade teatral da Xunta de Galicia e, en concreto, nas súa estreita relación coa escena lusa. A montaxe inaugurará mañá, venres día 10 de novembro, a sétima edición do Festival de Teatro de Viana do Castelo no Teatro Municipal Sá de Miranda, onde ofrecerá un segundo pase o sábado, día 11.

O director do CDG, Fran Núñez, asina a dirección escénica e a dramaturxia desta proposta, na que a conexión galego-portuguesa se reflicte tanto na composición dos equipos artístico e técnico como na propia temática da peza, inspirada na esquecida historia da galega Manuela Rey, quen na segunda metade do século XIX chegou a ser a gran estrela da época no teatro lisboeta.

Pola banda galega, Mariana Carballal, Raquel Crespo e Xosé Lois Romero, quen asina tamén a música, integran o elenco do espectáculo xunto aos intérpretes portugueses Neto Portela, Nuno J. Loureiro, Rafaela Sá e Teresa Vieira. Estarán acompañados en escena pola arqueóloga do INCIPIT/CSIC Paula Ballesteros, responsable á súa vez da investigación histórica. Pedro Azevedo deseñou o vestiario e a escenografía, realizada polos técnicos do Centro Dramático Galego, mentres que Nuno Meira se encargou da iluminación.

O equipo de Manuela Rey Is In Da House complétase coas achegas de Neto Portela e Guilherme de Sousa nos apoios á creación e ao movemento, respectivamente, e a colaboración especial de Paula Mora, actriz residente no Teatro Nacional D. María II.

De Mondoñedo a Lisboa

A partir de textos de Almeida Garret, Eduardo Augusto Vidal, Ernesto Marecos, Manuela Rey, Paula Ballesteros, Sousa Bastos, Xaquín Núñez Sabarís e o propio elenco, o espectáculo tenta reconstruír a memoria arredor da actriz e escritora alcumada “a muller lirio”, nada nunha casa de aldea de Mondoñedo en 1842 e falecida aos 23 anos na capital lusa.

Rodeada de misterio, a historia da súa vida chega á actualidade a partir de fragmentos soltos e contraditorios. Unha das teorías arredor dela sostén que con seis anos foi entregada pola súa familia a unha compañía teatral itinerante coa que percorreu León, Palencia e numerosas localidades portuguesas antes de chegar a Lisboa, onde Manuela Rey triunfou no Teatro Nacional Dona María II.


Publicidade

Ademais de brillar en escena, existen referencias de que escribiu tamén algunhas obras, como a comedia A actriz ou proverbio Por este deixarás pae e mãe. En canto á súa vida persoal, na capital lusa circulaba o insistente rumor de que o rei Pedro V quedara prendido da galega e, posteriormente, o dramaturgo J. A. Correia de Barros e o xornalista Francisco Serra chegaron a se bater en duelo por ela.

Manuela Rey Is In Da House poderá verse en marzo de 2024 no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Todo o equipo volverá así á capital de Galicia, xa que a nave de servizos artísticos da Axencia Galega das Industrias Culturais acolleu nas últimas semanas gran parte do período de ensaios previos á estrea portuguesa.

Proxectos internacionais

Con esta nova produción, a Xunta continúa afianzando o marco de acción internacional da súa unidade teatral, que o ano que vén celebrará o seu 40º aniversario. Nestes momentos, o Centro Dramático Galego é parte de varios proxectos europeos como o Phone, para darlle voz desde as táboas ás linguas minorizadas, ou o Nós/Nous, que ten como obxectivo promover a práctica teatral e o intercambio exterior de estudantes de Arte Dramática no treito final da súa formación. Dentro desta última iniciativa, o pasado mes de xuño estreouse o espectáculo Ifixenia, coproducido xunto a outras compañías institucionais e centros de ensino teatral superior de Galicia, Francia e Portugal.

Entre as recentes colaboracións coa escena lusa, destaca así mesmo o traballo xunto ao Círculo de Iniciação Teatral da Academia de Coimbra e ao Teatro Nacional de Cataluña para recuperar o histórico proxecto de Ricart Salvat Castelao e a súa época, nunha lectura dirixida por Carme Portaceli e estreada en setembro no marco da Mostra de Teatro Galego de Coimbra.

Cartel Manuela Rey Is In Da House

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

jordifont

Ellos y yo o esa extraña sensación de que los árboles te miran

As damas de Ferrol reducida

Teatro do Noroeste estrea ‘As damas de Ferrol’