Pepa Plana, compañía de teatro de mesmo nome que a súa intérprete principal, chega a Vigo coa versión en castelán de Si tu te’n vas, estreado en 2022, ano no que a compañía acadou o Premio Nacional de Circo concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte, rubricando así unha longa traxectoria dedicada ao teatro dende que se licenciou dos seus estudos de Interpretación no Institut del Teatre de Barcelona.
Dende entón, e en especial dende a fundación da súa compañía no 1998, Pepa Plana centrou o seu interese en facer espectáculos de teatro para adultes e coa figura da pallasa como motor creativo.
Así chegou o ano pasado á 39ª Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas do Morrazo, onde o seu espectáculo Veus que no veus (Voces que no ves, na súa versión en castelán) acadou o premio do público, confirmando así un idilio co público morracense comezado no 2018, cando presentaron Paraíso pintado na mesma mostra e acadando tamén o maior recoñecemento da mesma.
Nesta ocasión temos en escena a tres pallasas, seguindo a codificación clásica de Pallasa Augusta (Pepa Plana), Pallasa Branca (Nan Valentí) e Pallasa Contra Augusta (Lola González), na que cada unha delas xoga un rol particular: entusiasta, sorprendente, confusa, torpe, absurda, travesa, anárquica a primeira; elegante, estirada, ordenada e adulta a segunda; e desastrosa e complemento da primeira, a terceira.
Neste sentido, o xogo é absolutamente clásico, cunha relación principal entre a Augusta e a Branca e unha Contra Augusta que serve de contrapunto e contraste coa Augusta, ampliando así o efecto cómico dos gags.
Igualmente clásica é a incorporación das personaxes por parte do elenco, un grupo de intérpretes que coñecen a técnica de clown e a executan á perfección, desenvolvendo os números cunha precisión fantástica. Grazas ao seu dominio na arte pallasa, es tres intérpretes acadan un refinamento tal que lles permite soltarse e xogar co propio personaxe e co público, como na intervención de Pepa Plana co auditorio, montando un número de “orquestra de aplausos” nun santiamén.
Obviamente temos en escena a un grupo de pallasas coñecedoras e respectuosas coa súa tradición, mais non por iso menos anovadoras. Non é habitual que esteamos a falar de pallasas no canto de pallasos, por exemplo. Ou que unha destas pallasas, en realidade, sexa interpretada por un home (o actor catalán Joan “Nan” Valentí) mais sen pretender en absoluto un exercicio de travestismo, senón incorporando a súa personaxe de Pallasa Branca tal cal.
Neste tipo de espectáculos, tan centrados nunha técnica e un código específico, moitas veces acontece que o de menos sexa a historia que se presenta, descoidando un traballo dramatúrxico que o converte en pouco máis que unha escusa para unha sucesión de números.
Non é este o caso de Si tú te vas, que fala da importancia da amizade e da comunidade nun momento tan singular como pode ser unha guerra. Unha idea de autoría e dirección conxunta entre a propia Pepa Plana e Nan Valentí.
Aproveitan así para introducir, entre número cómico e número cómico, temas como a miseria que acompaña a calquera guerra, o fracaso do estamento militar ou a soidade e marxinación das persoas refuxiadas, obrigadas a deixar os seus fogares polo desastre.
Con todo, a peza susténtase na forza da relación entre es tres intérpretes, que transcenden os condicionamentos tradicionais dos seus roles de pallasas para compoñer unha comunidade de amigas que se coidan, se buscan e se apoian sen importar as trasnadas que se poidan facer entre elas.
Toda unha lección de amizade pallasa, lanzada con moito agarimo ao público.