Os paralelismos e o efecto espello, iluminando ou poñendo o foco nalgún aspecto controvertido da actualidade, son o que fai do teatro dramático e os realismos unha máquina artística inmorredoira e infalible. A sociedade e o individuo necesita confrontarse coas posibles crises de maneira sublimada e o drama ofrécenos esa análise de maneira viva e emocionante.
Afundación trouxo aos seus teatros de Vigo, o García Barbón, o 6 de decembro, e Pontevedra, o 7 de decembro, unha peza cun aquel futurista que, non obstante, parece fincarse na actualidade máis próxima, xogando coa teoría da conspiración. Refírome a Adictos. Jugando a ser dioses de Daniel Dicenta Herrera e Juanma Gómez, dirixida por Magüi Mira e cun reparto de actrices moi coñecidas, a nivel estatal, polos seus traballos no audiovisual e no teatro: Ana Labordeta, Lola Baldrich e a grande dama do teatro Lola Herrera, cuns sesenta anos de táboas e achegándose aos 90 anos de idade.
A produción de Jesús Cimarro (Pentación) chéganos cun cartel e un programa de man moi de cine americano comercial na esteira do thriller, cun primeiro plano das tres personaxes femininas mirándonos desafiantes, no centro, e debaixo unha cidade de rañaceos e toda a poboación en sombra, de pé, na rúas, de costas. Porén, a montaxe de Magüi Mira utiliza as convencións teatrais máis do que a linguaxe cinematográfica, cunha grande economía de recursos escénicos, botando man da nosa imaxinación para suxerir espazos simultáneos onde se supón que as personaxes están, como a casa da doutora Estela Anderson (Lola Herrera), cos últimos avances en domótica; o palacio de congresos, onde a doutora Anderson vai revelar as novidades do dispositivo de intelixencia artificial Nova 7, que vai ser instalado en todos os fogares e que vai xerar un censo dixital de toda a poboación, deseñado pola doutora para unha grande empresa, chamada Global, que traballa para e co Estado; o espazo da clínica de psiquiatría da doutora Soler (Lola Baldrich); o espazo do aeroporto onde fica retida a xornalista e escritora Eva Landau (Ana Labordeta), por causa dos disturbios que se suceden polo país, onde o Estado decidiu sacar o exército ás rúas. Espazos suxeridos pola propia interpretación das actrices, polas actitudes e polo seu xeito de dirixir a mirada e o discurso.
No escenario todo se desenvolve nun entorno de paredes e chan branco, aberto ao público, con tres grandes portas brancas automatizadas no foro, que se abren de abaixo cara arriba. No inicio, na presentación de cada personaxe, o primeiro que vemos, ao ascender eses portóns brancos, son os seus pés e as súas pernas, símbolo da vontade, que vai ser, efectivamente, o que se poña en xaque nesta historia.
Estela Anderson, científica de prestixio internacional, descobre que o proxecto no que leva traballando moitos anos vai ser utilizado en contra das persoas, para o seu control ao servizo do poder.
Toda a primeira parte resulta fría, non só polo branco do espazo e da iluminación, senón porque as personaxes dialogan separadas, xa sexa porque falan con Nova, o dispositivo de intelixencia artificial, ou xa sexa porque falan con outras persoas a través dos seus dispositivos electrónicos. Tamén contribúe a esta frialdade que a peza ocupa unha boa parte na exposición da situación na que se encontra o país e os debates que suscita a presentación dos avances científico-tecnolóxicos. É cara ao final, cando comezan a descubrirse e estreitarse as relacións entre as tres personaxes, cando o drama se quenta, demostrando que é a través das relacións persoais directas e non mediadas, e os conflitos a que dan lugar, onde reside a cerna do dramático.
No que se refire á interpretación, non a podería imaxinar mellor. Trátase de tres personaxes femininas de grande convicción ética e ideolóxica e tamén de altas capacidades, dúas científicas e unha xornalista de renome que tamén é escritora. As dúas máis novas, interpretadas polas actrices máis novas, manteñen ese trato distante e profesional do personaxe tipo, que representa un estamento laboral e unha clase social e cultural, individualizadas a través do matiz das dúbidas ou do nerviosismo que a presión da situación lles implica, sen baixarse dunha asertividade e un poderío considerables. O contrapunto ofréceo, non só pola idade, senón tamén polo xeito de mostrar a súa vulnerabilidade e tenrura, o personaxe central que interpreta Lola Herrera.
Trátase dun espectáculo moi coral e ben equilibrado e contrapesado nas interpretacións. Está a dimensión política das personaxes tipo, como composicións sociolóxicas, semellante ao teatro brechtiano, pero tamén a dimensión máis individualizada e psicolóxica, nos aspectos persoais, nas debilidades que, como gretas, abre o estrés xerado pola situación, na que estas tres personaxes se van enfrontar a forzas superiores, como tres heroínas de traxedia clásica, armándose aí, coa convicción inalienable das personaxes arquetipo, que se rebelan contra un sistema de poder corrupto, representado, neste caso, polo Goberno e unha empresa global tecnolóxica.
Está claro que os monopolios e o poder acumulado en poucas mans, así como as maiorías absolutas, ou calquera forma de absolutismo, son extremadamente perigosos para a democracia.
A tecnoloxía crecente que entra nos nosos fogares e nas nosas vidas, xerando novos hábitos e dependencias, pode ser unha arma nas mans de quen a manexa. A tecnoloxía, a través dos nosos dispositivos electrónicos, estase a converter nos fíos e nós nas marionetas, dependentes deles e de quen (n)os manipula. Curiosamente, en Adictos. Jugando a ser dioses a revolución e o máis emocionante, no escenario, só xorden cando as tres personaxes deixan de falar a través dos seus dispositivos electrónicos ou coa intelixencia artificial e cando se relacionan, directamente, entre elas. Esa praxe relacional directa é o mellor exemplo de que xuntas poden, de que xuntos podemos, porque, como di a doutora Anderson no final da peza, o sistema necesítanos.