A actriz Paula Pier estrea ‘Eu, fraude!’ este venres, 12 de xaneiro, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. En palabras da creadora teatral: “trátase dunha experiencia única que invita ao espectador a agarrarse forte á vida e a berrarlle ao mundo coa voz do seu propio ser.”
Este espectáculo que se define como unha historia de amor propio en forma de festa, “promete unha fusión de emocións a través de cancións, poemas e textos de composición orixinal e con música en directo.”
Paula Pier, coñecida polo seu traballo en compañías como Malasombra Producións, A Panadaría, Voadora, Contraproducións ou Ainé Producciones, preséntase agora como creadora escénica singular no panorama teatral galego.
“‘Eu, fraude!’ é un chamado a celebrar a vida con autenticidade”, afirma Paula Pier. “É unha experiencia que busca recordarnos a importancia de amarnos a nós mesmas no medio da voráxine da existencia.”
Este venres, 12 de xaneiro, no Teatro Rosalía de Castro de A Coruña, con Paula Pier como intérprete, estarán Chus López no saxo, María Velasco na guitarra e Sandra Pérez na percusión.