Os Premios de Teatro María Casares veñen de rexistrar a maior participación da súa historia ao inscribírense 47 espectáculos e máis de 350 profesionais na súa 28ª edición, cuxa gala de entrega se celebrará o xoves 21 de marzo no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Este récord na inscricións acádase na segunda edición na que os galardóns incrementaron os seus apartados, xa que no 2023 as bases foron modificadas para ampliar o certame ao crear dúas novas categorías: dirección de movemento e espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas. Na última década, tan só se superou a cifra de corenta espectáculos participantes no 2017, ano no que concorreron 44 montaxes, e no 2015, que contou coa presentación de 43.
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), que organiza os galardóns dende a súa posta en marcha en 1997 coa colaboración de institucións e entidades como a Xunta de Galicia, o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, o Padroado de Cultura do Concello de Narón, a Fundación Aisge, a Fundación SGAE ou Gadis, abrirá mañá mércores a primeira quenda de votacións. Dela sairá a relación de finalistas que optarán aos 16 galardóns nos que se dividen os María Casares: espectáculo, espectáculo infantil, espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas, dirección, dirección de movemento, actriz protagonista, actor protagonista, actriz secundaria, actor secundario, texto orixinal, adaptación-tradución, espazo sonoro, espazo escénico, iluminación, maquillaxe e vestiario.
Preto de 500 persoas pertencentes ao sector escénico están chamadas a emitir o seus votos de forma telemática a través da web da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) até o venres 9 de febreiro nesta primeira rolda de votacións. Este censo de votantes está conformado polo corpo asociativo da propia AAAG, por gañadoras e finalistas de edicións anteriores, responsables de programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, xornalistas culturais e outros perfís vencellados á nosa escena. A relación de finalistas darase a coñecer na terceira semana de febreiro, durante a xa tradicional Festa de Finalistas dos Premios de Teatro María Casares.
Espectáculos inscritos
Espectáculo | Compañía | |
1 | A fábula de Vila Chá | Mircromina |
2 | Á luz do día. Nalgún lugar do mundo, a algunha muller | Serea Teatro |
3 | A Nai | Amorodio Teatro |
4 | A teteira de Kabul | Xarope Tulú |
5 | Ándale, Bon appêtit! | Teatro Ghazafelhos |
6 | As Damas de Ferrol | Teatro do Noroeste |
7 | Asfixia | Vórtice Escénico |
8 | Backstage | NegroLópez |
9 | Backup. A Resurrección de Nuno | De Ste Xeito Producións |
10 | Bailar no ceo | Xerpo |
11 | Blues de Medianoite-versión estendida | Laboratorio Escénico |
12 | Brokeback Sabucedo (Paixón entre bestas) | Sal do Teatro |
13 | Cabicivai | Os contos de Pablísimo |
14 | Cantamos con Rosalía? | Luís Vallecicllo |
15 | Códice K | Ainé |
16 | Coliño | A xanela do Maxín |
17 | Corentena | Ainé |
18 | Crisálida | Caramuxo Teatro |
19 | Deadpan Karaoke | Ibuprofeno Teatro |
20 | Entrega en man | Contraproducións |
21 | Frida | A Cova das Letras |
22 | Frío | A Feroz |
23 | Hamelin | Rerdum Teatro |
24 | Historia dunha nena nomarada do mar | O sol de outono Teatro |
25 | Insubmisa | Antagonista Teatro |
26 | Iphixenia na porta do súper | Compañía Humana |
27 | Kyoki | Elefante Elegante |
28 | Made in Galiza | Sarabela Teatro |
29 | Menu-do día | Colectivo CBV |
30 | Mosca | Ártika Cía. |
31 | Mozas nas redes | aAntena |
32 | Nanai da China | Pérez&Fernández |
33 | O Auto do Castromil | Producións Teatráis Excéntricas |
34 | O pequeno poni | Redrum Teatro |
35 | O rapto da Befana | Olivas Negras |
36 | O refuxiado | Stracciatella Teatro |
37 | Picassos Animados | Títeres Cachirulo |
38 | Que din as Rumorosas | Maquinarias Teatro |
39 | Revolta | Cía. Juanito&Filomena |
40 | ‘Selkie’. A lenda do Mar do Norte | Luis Vallecillo |
41 | Shakespeare en Roma | Centro Dramático Galego |
42 | Síbaris | Condetrespés |
43 | Sofá | martaalonsotejada |
44 | Treboada | Nauta |
45 | Un hotel de primeira sobre o río | Centro Dramático Galego |
46 | Unha inimiga do pobo | Talía Teatro |
47 | VOX POPULI | Malasombra |