in

A AAAG desvela as candidaturas finalistas dos Premios de Teatro María Casares de 2024

Son 19 os espectáculos que poden optar a algún dos galardóns das 16 categorías

Foto Familia Finalistas Premios María Casares 2024 red
Foto de finalistas dos Premios María Casares de Teatro 2024. Imaxe da AAAG.

Un total de 19 espectáculos competirán en calidade de finalistas por facerse con algún dos 16 galardóns que se entregarán durante a gala dos XXVII Premios de Teatro María Casares, que este ano se celebrará o 21 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Así se deu a coñecer onte pola tarde en Santiago de Compostela durante a tradicional Festa de Finalistas que tivo lugar na Cafetería Lasso do Auditorio de Galicia.

O acto, que foi conducido pola actriz Cristina Collazo, contou coa asistencia de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; Gonzalo Castro, concelleiro de Promoción e Fomento do Concello da Coruña; Miguel Diéguez, director territorial da Zona Noroeste da SGAE, e Isabel Blanco, delegada de AISGE en Galicia, que participaron no evento en calidade de representantes das institucións que patrocinan os galardóns, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).

O espectáculo Unha inimiga do pobo, de Talía Teatro, acadou nove finalistas (espectáculo, dirección, actriz protagonista, actor secundario, adaptación-tradución, vestiario, maquillaxe, espazo escénico e iluminación), mentres que Hamelin, de Redrum Teatro, logrou seis (espectáculo, dirección, actor protagonista, actor secundario por partida dupla e iluminación).

Dúas obras do Centro Dramático Galego acadan cinco finalistas: Shakespeare en Roma (actor protagonista, actriz protagonista por partida dupla, vestiario e adaptación-tradución) e Un hotel de primeira sobre o río (actriz secundaria por partida dupla, dirección de movemento, vestiario e espazo escénico). O Auto do Castromil, de Producións Teatráis Excéntricas en coprodución co Centro Dramático Galego, tamén se sitúa con cinco (espectáculo, dirección, actor protagonista, vestiario e espazo sonoro)

Entrega en man, de Contraproducións, aspira a tres galardóns (adaptación-tradución, maquillaxe e actriz secundaria) mentres que por dous compiten as pezas Crisálida, de Caramuxo Teatro (espazo escénico e espectáculo infantil); Vox populi, de Malasombra (iluminación e espazo sonoro) e Deadpan Karaoke (maquillaxe e espazo sonoro).


Publicidade

Cun finalista atópanse outros dez espectáculos. Tres deles optan ao mellor texto orixinal: Códice K, de Ainé; A nai, de Amorodio Teatro, e Mosca, de Ártika Cía. Outras tres aspiran ao galardón de monicreques, obxectos e figuras animadas: A teteira de Kabul, de Xarope Tulú; Coliño, de A Xanela do Maxín, e Nanai da China, de Pérez&Fernández.

Pola súa banda, Ándale! Bon apêttit!, de Teatro Ghazafelhos, e Backstage, de NegroLópez, son finalistas no apartado de espectáculo infantil, mentres que Frida, de A Cova das Letras, e Insubmisa, de Antagonista Teatro optan ao premio á mellor dirección de movemento.

As candidaturas gañadoras resolveranse na gala que se celebrará no Teatro Rosalía Castro da Coruña o xoves 21 de marzo. Os galardóns están organizados pola AAAG e contan habitualmente co apoio e o patrocinio de institucións e entidades como a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, o Padroado de Cultura do Concello de Narón, a Fundación AISGE ou Gadis.

Relación de finalistas por montaxes

  •  Unha inimiga do pobo, de Talía Teatro (9 finalistas): espectáculo, dirección (Tito Asorey), actriz protagonista (Marta Lado), actor secundario (Toño Casais), adaptación-tradución (Tito Asorey e Vanesa Sotelo), iluminación (Laura Iturralde), espazo escénico (Dani Trillo), maquillaxe (Martina Cambeiro) e vestiario (Martina Cambeiro).
  • Hamelin, de Redrum Teatro (6 finalistas): espectáculo, dirección (Alex Sampayo), actor protagonista (Machi Salgado), actor secundario por partida dupla (Fran Lareu e Roberto Leal) e iluminación (Carlos Álvarez-Ossorio).
  • O Auto do Castromil, de Producións Teatráis Excéntricas en coprodución co CDG (5 finalistas): espectáculo, dirección (Quico Cadaval), actor protagonista (Víctor Mosqueira), vestiario (Carlos Alonso) e Espazo sonoro (Piti Sanz).
  • Shakespeare en Roma, do Centro Dramático Galego (5 finalistas): actor protagonista (Toni Salgado), actriz protagonista por partida dupla (Sheyla Fariña e Rebeca Montero), vestiario (Saturna), adaptación-tradución (Volodymyr Snegurchenko para Coriolano, Ana Carreira para Xulio César, Ana Abad de Larriva para Antonio e Cleopatra e Lorena Conde para Tito Andrónico).
  • Un hotel de primeira sobre o río, do Centro Dramático Galego (5 finalistas): dirección de movemento (María Torres e Gonçalo Guerreiro), actrices secundarias por partida dupla (Raquel Espada e Lidia Veiga), vestiario (Carolina Díguele) e espazo escénico (Gonçalo Guerreiro).
  • Entrega en man, de Contraproducións (3 finalistas): actriz secundaria (María Roja), adpatación-tradución (Cándido Pazó e Santi Romay) e maquillaxe (Martina Cambeiro).
  • Deadpan Karaoke, de Ibuprofeno Teatro (2 finalistas): maquillaxe (Baia Fernández) e Espazo Sonoro (Mónica de Nut).
  • Crisálida, de Caramuxo Teatro (2 finalistas): espectáculo infantil e espazo escénico (Diego Valeiras).
  • Vox Populi, de Malasombra (2 finalistas): espazo sonoro (Carlos Mosquera Mos) e iluminación (Octavio Mas).
  •  Backstage, de NegroLópez (1 finalista): espectáculo infantil.
  • Ándale! Bon apêttit!, de Teatro Ghazafelhos (1 finalista): espectáculo infantil.
  • Frida, de A Cova das letras (1 finalista): dirección de movemento (Olga Cameselle).
  • Insubmisa, de Antagonista Teatro (1 finalista): dirección de movemento (Marta Alonso).
  • Códice K, de Ainé (1 finalista): texto orixinal (Manuel Cortés).
  • A Nai, de Amorodio Teatro (1 finalista): texto orixinal (Laura Porto).
  • Mosca, de Ártika Cía (1 finalista): texto orixinal (Gustavo del Río).
  • Nanai da China, de Pérez&Fernández (1 finalista): espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas.
  • A teteira de Kabul, de Xarope Tulú (1 finalista): espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas.
  • Coliño, de A Xanela do Maxín (1 finalista): espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas.

Consulta a listaxe de finalistas por categorías dos Premios de Teatro María Casares 2024

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

As que limpan de A Panadaría

As que limpan

josep maria miró coromina

O dramaturgo catalán Josep Maria Miró imparte un obradoiro de escritura teatral en Compostela