Pois estiven repasando as irreverencias por medo a repetirme como o chourizo no cocido nestes tempos de coresma e resulta que esta vai ser a miña irreverencia número vinte, así que vou debullala mentres lle tomo un licor café que é o único que me reconcilia con Ourense nestes momentos postelectorais…porque cagonacona… 1 para Jácome, non me sae do siso!
E vou falar dos hábitos, si dos rituais que sen que cheguen a transformarse en obsesións fan de nós unha especie ben interesante e diso no teatro sabemos un pouco.
Como sabedes leo o horóscopo no faro sempre que podo, é do máis interesante na folla parroquial e non me poden gustar máis esas teimas antropolóxicas que colocan o teatro a medio camiño entre a fe a razón.
Repasemos algúns rituais que seguro practicamos.
O primeiro é o de desexarnos “moita merda” antes das funcións, que seica vén de desexar moita merda na entrada dos teatros ingleses, porque significaba que paraban a carretar público moitos carros de cabalos e deixaban a entrada do teatro perdida e a compañía con público.
Está tamén a sección das maldicións, vai un par moi coñecidas. Un, vestir de amarelo e dous a peza de Macbeth. O de vestir de amarelo é pola morte de Moliere no escenario vestido desa cor, mais o rigor histórico xa desvelou que non foi así e que morreu na súa casa, aínda que o jamacuco comezou a darlle no escenario, de aí vén. O de Macbeth di que a escenificación desa peza leva a compañía a desastres varios, eu para retar a esas forzas que nos atenazan, direivos que escenifiquei Macbeth (Mac…yes we can) e non me levou a outro lugar diferente que as demais, que foi ao inferno da distribución, como nos pasa a todas as compañías neste sistema teatral que temos, que sabe máis de carretar votos que público para as funcións.
Despois están os rituais xerais, que adoitamos dicir na dirección, para non alarmar os elencos en frases como “Un mal ensaio xeral é unha boa estrea” ou “unha estrea frouxa asegura unha seguinte función boa”, é por non calar, porque de nós sempre se agarda que saibamos que dicir ou, no seu defecto, alomenos digamos algo, eu neses casos leo o horóscopo a todo o equipo, así garanto a sabedoría na resposta.
Logo están os rituais persoais e aí as actrices e os actores lócense, dende os máis clásicos en forma de alcohol, pasando por alimentos concretos e incluso exercicios de concentración que son dignos dunha conta de IG, porque semellan uns ritos satánicos.
Teño que confesar que, entre todos os rituais, o que manteño na vida, porque a súa eficacia está comprobada, porque diso vai facer un ritual, é un que herdei dende pequena do meu pai, que é o de non cortar as uñas en días con r para que non saian peles arredor e dígovos que funciona, a manicura queda relegada aos luns, xoves, sábado ou domingo, os mesmos días que procuro ir a misa que tamén é un espectáculo ben entretido.