in ,

Producións Teatrais Excéntricas estrea ‘Monstros’

É un espectáculo familiar que fala dos medos dende un punto de vista humorístico e musical

ciclo todo publico primavera 2024 monstros producions teatrais excentricas
Detalle do cartel de 'Monstros', de Producións Teatrais Excéntricas.

Este sábado 24 de febreiro, Producións Teatrais Excéntricas estrea no Fórum Metropolitano da Coruña a súa nova produción: Monstros. Con ela comezan a celebración do seu 20º aniversario como compañía. Monstros é un espectáculo familiar, especialmente recomendado para nenas e nenos de 8 a 14 anos, que fala dos medos dende un punto de vista humorístico e musical.
O texto orixinal e a dramatruxia son de Lucía Aldao e María Lado e a peza está dirixida por Marcos Orsi, cun elenco formado por Patricia Vázquez, Rocío González e Vítor Mosqueira e con música en directo de Piti Sanz.

Monstros é aventura de catro amigas e amigos na procura de emocións na viaxe cara a casa das pantasmas da súa vila: Amanda, a líder, Clo, a racional, Valenvín, o medoso, e Max, o primo de Amanda, un neno con TEA que só se comunica cantando.

Despois da grande estrea  deste sábado no Fórum Metropolitano, ás 18.00 horas, nunha función con entradas xa á venda en A Taquilla, farán cinco funcións máis no Fórum Metropolitano para centros de ensino da contorna. Despois, a montaxe viaxará á Sala Artika de Vigo (do 1 ao 6 de marzo con 9 funcións), e despois estará en Boiro (8 de marzo), Lugo (14 de abril) e Rianxo (27 e 29 de abril), como primeiras datas confirmadas.


Publicidade

Sinopse: “No exterior dunha sinistra casa, catro personaxes miran por unha fenda. É unha visión terrible, pavorosa. Intúense seres saídos dos peores pesadelos agochados entre as sombras. O nervio e o terror apodéranse do ambiente, as palabras atropélanse nas bocas. Será certo que aquel lugar está habitado por un monstro? Si, iso parece. Pero como é? Monstros é un espectáculo familiar que reflexiona sobre aquilo que consideramos monstruoso e que talvez por iso nos fai sentir terror. Mais faino desde o humor, porque a risa é o mellor antídoto contra o que nos asusta. Monstros é o artefacto divertido que nos conta que aprender a convivir cos nosos medos axúdanos a entendernos a nós e ás demais persoas, a aceptar as nosas propias monstruosidades”.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

josep maria miró coromina

O dramaturgo catalán Josep Maria Miró imparte un obradoiro de escritura teatral en Compostela

Foto arquivo familiar: Irene Moreira e seu pai.

20 Irreverencias, vai camiño de ser un hábito