in ,

O Teatro Rosalía de Castro da Coruña acolle a gala dos Premios María Casares 2024

É hoxe, a partir das 20.30 horas, e pódese seguir en directo na canle en YouTube da AAAG

Premio María Casares
O trofeo dos Premios de Teatro María Casares. Imaxe de LaDiapo

Os Premios María Casares celebran hoxe a súa 28ª edición, nunha gala de entrega na que homenaxearán o xénero do teatro musical, e na que o mar será o tema que estará de fondo. Será a partir das 20.30 horas, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, e Sara Fandiño, a directora artística da cerimonia de entrega, conta cun elenco integrado por Alba Tojeiro, Germán Prenta, Iván L. Estévez, Iván Márquez, Mario Lagoas, Rocío Salgado e Verónica Peiteado.

Fandiño asina tanto a música como a letra dos temas que soarán durante a gala e conta coa colaboración de Alexandro González para a orquestración e mais os arranxos. O espazo escénico corre a cargo de José Expósito Ortiz.

Esta edición é a que rexistrou maior participación de toda a historia do certame. Presentáronse 47 espectáculos, e deles son 19 os que optan a levar algún dos 16 galardóns das diferentes categorías. Nesta edición, os María Casares, que están organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia, AAAG, contan co apoio da Xunta de Galicia, do Concello da Coruña, da Deputación da Coruña, do Padroado de Cultura do Concello de Narón, da Fundación Aisge e de Gadis, e coa colaboración do Centro Dramático Galego, o Centro Coreográfico, á Escola Galega de Teatro Musical, o Club Patinaxe Alquimia e o equipo do Teatro Rosalía de Castro. A gala será retransmitida en directo na canle dos Premios María Casares ás  20.30 h: https://www.youtube.com/c/premiosdeteatromariacasares .

19 espectáculos finalistas

O espectáculo Unha inimiga do pobo, de Talía Teatro, aspira a nove María Casares (espectáculo, dirección, actriz protagonista, actor secundario, adaptación-tradución, vestiario, maquillaxe, espazo escénico e iluminación), mentres que Hamelin, de Redrum Teatro, compite por seis (espectáculo, dirección, actor protagonista, actor secundario por partida dupla e iluminación).

Dúas obras do Centro Dramático Galego aspiran a cinco María Casares: Shakespeare en Roma (actor protagonista, actriz protagonista por partida dupla, vestiario e adaptación-tradución) e Un hotel de primeira sobre o río (actriz secundaria por partida dupla, dirección de movemento, vestiario e espazo escénico). O Auto do Castromil, de Producións Teatráis Excéntricas en coprodución co Centro Dramático Galego, tamén compite por cinco (espectáculo, dirección, actor protagonista, vestiario, espazo sonoro)


Publicidade

Entrega en man, de Contraproducións, opta a tres galardóns (adaptación-tradución, maquillaxe e actriz secundaria) mentres que por dous compiten as pezas Crisálida, de Caramuxo Teatro (espazo escénico e espectáculo infantil); Vox populi, de Malasombra (iluminación e espazo sonoro) e Deadpan Karaoke (maquillaxe e espazo sonoro).

Cun finalista atópanse outros dez espectáculos, tres deles optan ao mellor texto orixinal: Códice K, de Ainé; A nai, de Amorodio Teatro, e Mosca, de Ártika Cía. Outras tres aspiran ao galardón de monicreques, obxectos e figuras animadas: A teteira de Kabul, de Xarope Tulú; Coliño, de A Xanela do Maxín, e Nanai da China, de Pérez&Fernández.

Pola súa banda, Ándale! Bon apêttit!, de Teatro Ghazafelhos, e Backstage, de NegroLópez, son finalistas no apartado de espectáculo infantil, mentres que Frida, de A Cova das Letras, e Insubmisa, de Antagonista Teatro agardan levar o premio á mellor dirección de movemento. Durante a gala entregarase o Premio de Honra Marisa Soto a María Barcala e Vero Rilo lerá o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Butacas |

A Xunta ofrece unha actividade formativa gratuíta sobre o deseño de programacións de artes escénicas

Gala Maria Casares Corsino red

Os Premios de Teatro María Casares 2024 xa teñen gañadoras