in ,

A Xunta ofrece unha actividade formativa gratuíta sobre o deseño de programacións de artes escénicas

Organízaa en colaboración coa AGPXC, e a inscrición está aberta ata o 1 de abril

Butacas |

A Xunta ofrece o curso Deseño de Programacións de Artes Escénicas en Galicia que, promovido pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, dende a Agadic, en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC), desenvolverá unha ampla proposta de contidos dirixidos a dotar os axentes do sector de recursos que lles permitan asumir con solvencia o deseño de actividades de calidade e mellorar a oferta de espectáculos de artes escénicas para  os seus públicos.

O curso terá lugar todos os martes do 9 de abril ao 21 de maio, cun itinerario formativo de 42 horas lectivas distribuídas en sete sesións tanto presenciais (que se celebrarán na Cidade da Cultura) como en liña, a cargo de 23 docentes e relatores de referencia neste ámbito en Galicia. A formación, que é gratuíta e contará con certificado acreditativo de capacitación, ponse en marcha como resultado do diálogo permanente co sector, tras constatar esta necesidade formativa no colectivo de profesionais vinculados a postos con responsabilidades no ámbito da programación.

A iniciativa impulsada a través da Axencia Galega das Industrias Culturais ten como obxectivo avanzar na profesionalización deste ámbito, proporcionando coñecementos e referencias, e incentivando novos modelos que dean cabida á riqueza e diversidade actual de propostas, co obxectivo de propiciar unha relación enriquecedora entre todos os axentes deste ámbito e de fomentar a conexión entre artes escénicas e públicos.

Amplo abano de temas e recursos

Os contidos abranguen un amplo abano de temas e recursos útiles paras as persoas inscritas: desde estratexias de programación, modelos de produción e financiamento, aspectos normativos ou achegamento aos materiais técnicos nos espectáculos, ata a historia das artes escénicas en Galicia, o seu impacto sociocultural, o papel dos premios e da crítica, ou as particularidades do teatro infantil.

A oferta formativa percorre teatro, danza e artes do movemento e circo e está dirixida a todas as categorías profesionais vinculadas coa programación escénica en entidades públicas e privadas como festivais, salas, compañías, distribuidoras, artistas, profesionais da xestión cultural e estudantes da Escola de Arte Dramática de Galicia (ESAD) ou do Grao en Xestión Cultural, do campus lugués da Universidade de Santiago de Compostela.


Publicidade

Os 23 docentes do curso son profesionais de referencia nos distintos ámbitos escénicos: artístico, xestión e programación, autoría e dirección, investigación e ensino, produción técnica e management. Marta Alonso, Afonso Becerra, Carmen Castro, Santiago Cortegoso, Nacho Fungueiriño, Manuel Guede, Gonçalo Guerreiro, Patricia Hermida, Inma López Silva, Carlos Lorenzo, Kirenia Martínez, Diego Meizoso, Fefa Noia, Fran Núñez, Belén Pichel, Pilar Portela, Paula Quintas, Fran Rei, Paulo Rodríguez, Miguel Soto, María Torres, Artur Trillo e Manuel Vieites serán as persoas encargadas de conducir as sete xornadas do curso, dirixido por Carlos Lorenzo, presidente da AGPXC, colectivo encargado tamén da coordinación técnica.

A inscrición no curso Deseño de Programacións de Artes Escénicas en Galicia é gratuíta e farase a través da páxina xestoresculturais.gal ata o 1 de abril. As prazas son limitadas, con preferencia para profesionais que se dedican á programación de espectáculos. A asistencia mínima obrigatoria para a obtención da certificación é do 85% (35 horas). Toda a programación do curso e os contidos das sesións está tamén na web industriasculturais.xunta.gal.

Consulta o programa completo

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

PaulaCarballeira fotoXanXe baixa |

O Festival Atlántica, NOGA e Sete Falares celebran o Día Internacional da Narración Oral

Premio María Casares

O Teatro Rosalía de Castro da Coruña acolle a gala dos Premios María Casares 2024