A compañía ButacaZero trae a Galicia O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, monólogo escrito e protagonizado por Esther F. Carrodeguas, que se vai estrear en Narón hoxe, venres 22 de marzo, no marco do Festival Singular de Monólogos, e que pasará despois por Coruña, Santiago de Compostela ou Soutomaior.
O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, definido pola propia Carrodeguas como auto[NON]ficción, é unha peza na que a autora se representa a si mesma para abordar a relación co seu corpo, marcada pola gordofobia que se respira en calquera pequena esquiniña desta sociedade onde impera a ditadura da imaxe. Baixo a dirección de Xavier Castiñeira como adoita ser habitual na compañía, Carrodeguas estará acompañada en escena do artista multidiscipliar Juanma LoDo, que asina a sonoplastia.
O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada é un texto dunha sinceridade crúa que tenta facer ver ás persoas do público de que maneira a gordofobia está instalada na sociedade. “Só o título impactou moitísimo dende o principio. Moitísimas persoas me contactan a miúdo para dicirme que querían ver a obra porque se identificaban completamente con el, o cal indica que temos a gordofobia demasiado cravada. Descubrín co pasar das función que esta historia non é a miña historia, que é a de moitas persoas”, comenta Carrodeguas, que se abre completamente en canal neste espectáculo. “Cando te enfrontas ao público contando as túas propias vivencias prodúcese un tipo de recepción moi particular, porque está en escena non só a posibilidade da verdade escénica, senón tamén a verdade real”. Sen embargo, por máis duro que poida ser o fondo, a peza non deixa de ser divertida. “O público vaino pasar ben”, asume a autora “non escribín a peza pensando en escribir unha comedia, pero a comicidade brotou durante a montaxe grazas á dirección de Xavier. Pode ser que, mesmo ao meu pesar, teña escrito outra comedia”, ironiza.
O espectáculo estreouse en castelán o pasado 2022 en Teatro del Barrio e chega a Galicia despois de pasar pola prestixiosa Fira Tárrega, por numerosas vilas de País Vasco e de facer temporada o pasado 2023 no Teatro Fernán Gómez de Madrid. Trala súa estrea pasará polo Forum Metropolitano da Coruña o 26 Abril, estará no Teatro Principal de Compostela o 24 de maio e o 1 de xuño atracará no Multiusos de Arcade, en Soutomaior.
Posta en escena
A partir das técnicas do Spoken Word e a estética Trash desenvólvese esta peza na que a propia autora está situada nunha montaña de refugallos de comida lixo. Esa inmobilidade na que se atopa a intérprete é a metáfora do estado en que a súa cabeza obsesivamente lle bombardea e inmobiliza. Ese “quero estar delgada” é unha obsesión que lle impide ter unha relación san coas demais persoas e con ela mesma.
Sumada a esta idea de sucidade, o propio tratamento da voz en directo a partir do traballo de Juanma LoDo que transforma a voz de Esther en diversos personaxes (o pai, a súa aboa, os nenos que lle facían bulling…) constrúe un universo sonoro que acentúa a obsesión coa autoimaxe cada a persoa ten de si mesma e na que non é quen de aceptarse.
A compañía
ButacaZero é a plataforma creativa posta en marcha por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira. Con propostas como Voaxa e Carmín, #camiños, Despois das ondas, 32m2, Pagagena ou a recente IRIBARNE, a compañía sitúase como un referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego. As súas creacións concrétanse en dramaturxias feitas á medida, nas que a tradición teatral se mestura coas linguaxes contemporáneas.
Esther F. Carrodeguas é actriz, directora, perfomer e, sobre todo, escritora. Rianxeira de pura raza, asenta o seu currículo vital entre as letras, o audiovisual e o teatro. O seu estilo cabalga sobre as lindes que separan os xéneros. Graduada en Dirección e Dramaturxia pola ESAD de Galicia e licenciada en Xornalismo entre Santiago de Compostela e Turín, os seus proxectos teatrais beben da súa faceta periodística. Cunha decena de obras teatrais publicadas, os seus textos foron estreados ben na súa propia plataforma profesional (ButacaZero) ben noutras compañías privadas (De Ste Xeito, Outubro Producións) ou públicas (Centro Dramático Galego, Teatro Español ou Centro Dramático Nacional). Precisamente no 2021 foi escollida para desenvolver unha das residencias dramáticas que outorga o CDN, onde escribiu o texto Supernormales, co que foi finalista nos Premios MAX 2023 na categoría de Mellor Autoría e que foi, sen dúbida ningunha, un dos grandes éxitos da pasada tempada tanto para o público como para a crítica.
Xavier Castiñeira é licenciado en Dirección de Escena pola RESAD de Madrid e posúe un mestrado en Teatro e Artes Escénicas pola Universidade de Vigo. Tamén realizou estudos de Filoloxía Hispánica pola USC. Actualmente cursa o doutorado na UCM, investigando aspectos neurobiolóxicos nos procesos de recepción escénicos. Desde os seus comezos no mundo do teatro compaxinou o seu labor creativo co docente, impartindo desde 1988 aulas en diversos grupos afeccionados e en obradoiros regulares de interpretación, dirección ou investigación escénica. No ano 2011 incorpórase ao corpo de profesorado da ESAD de Galicia. Dirixiu unha vintena de obras de teatro, entre elas case todas as de ButacaZero, pero tamén para compañías como Goliardos, Mairiztz, La Escuela de Música Creativa, Outumuro Producións ou De Ste Xeito.