in ,

Jon Fosse asina a mensaxe internacional do Día Mundial do Teatro 2024

O dramaturgo noruegués fai fincapé na capacidade pacificadora da arte

Jon Fosse
O dramaturgo noruegués Jon Fosse.

Jon Fosse, Premio Nobel de Literatura en 2023, é quen asina a mensaxe internacional do Día Mundial do Teatro de 2024, que se celebra hoxe, 27 de marzo. O dramaturgo noruegués asumiu a súa redacción a petición do International Theatre Institute, ITI.

Recóllese a continuación a mensaxe completa, traducida ao galego por Ana Abad de Larriva, na que reflexiona sobre a a transcendencia e a capacidade pacificadora da arte:

A arte é paz

“Cada persoa é única e, ao mesmo tempo, igual que calquera outra. A nosa aparencia visible, exterior, é diferente á dos demais, por suposto, e iso está moi ben,  pero hai tamén algo no interior de cada un e cada unha de nós que pertence a esa persoa en si mesma (e que é o que é esa persoa en si mesma). Poderiamos referirnos a isto como o seu espírito, ou a súa alma. Ou tamén poderiamos decidir non poñerlle unha etiqueta, e deixala en paz.

Mais, ao mesmo tempo en que non nos parecemos, tamén temos semellanzas. As persoas de cada parte do mundo somos, na nosa cerna, similares, alén da lingua que falemos ou da cor de pel e de cabelo que posuamos.

Isto podería semellar un paradoxo: somos completamente iguais e absolutamente diferentes ao mesmo tempo. O que acontece talvez é que as persoas somos intrinsecamente paradoxais, no xeito que establecemos as pontes entre o noso corpo e a nosa alma (abranguemos tanto a experiencia máis tanxible e terreal, como algo que transcende eses límites materiais).

A arte, a boa arte, consegue dun xeito marabilloso combinar o absolutamente único co universal. Permítenos comprender o que é diferente (o que nos é alleo), en canto a que é universal. Facendo iso, a arte racha coas fronteiras entre linguas e linguaxes, entre rexións xeográficas, entre países. É quen de xuntar non só as calidades individuais de cada persoa senón tamén, noutro senso, as características individuais de cada grupo de persoas, como, por exemplo, as de cada nación.

A arte non fai isto igualando as diferenzas e volvéndonos uniformes, senón que, ao contrario, fai isto amosándonos o que é diferente a nós, o que nos resulta foráneo. Toda a boa arte contén iso precisamente: algo que nos é alleo, algo que non podemos comprender completamente, e que, ao mesmo tempo, en certa maneira, comprendemos. O que contén é un misterio, poderiamos dicir. Algo que nos fascina e que nos empurra alén dos nosos límites, creando a transcendencia que toda a arte debe conter en si mesma e cara á que nos debe dirixir.


Publicidade

Non coñezo outro xeito de facer que os opostos se xunten. Este é o achegamento contrario ao dos conflitos violentos que vemos con tanta frecuencia no mundo, que cederon á destrutiva tentación de aniquilar calquera cousa que sexa foránea, calquera cousa única e diferente, con frecuencia empregando os avances máis inhumanos que a tecnoloxía puxo ao noso dispor. Hai terrorismo no mundo. Hai guerra.  Porque as persoas temos tamén un lado animal, manexado polo instinto de ver o outro, o alleo, como unha ameza á propia existencia, en vez de como un misterio fascinante.

Así é como a unicidade (as diferenzas que todas e todos podemos ver) desaparece, deixando detrás unha igualdade colectiva na que calquera cousa diferente é unha ameaza que precisa ser erradicada. O que é visto dende fóra como unha diferenza, como por exemplo na relixión ou nas ideoloxías políticas, convértese en algo que ten que ser vencido e destruído.

A guerra é a batalla entre o que reside moi dentro de cada un e cada unha de nós: algo único. E é tamén unha batalla contra a arte, contra aquilo que mora na profundidade da arte.

Estiven a falar aquí sobre a arte en xeral, non sobre o teatro ou a dramaturxia en particular, pero iso é porque, como dixen, toda a boa arte, no fondo, xira arredor do mesmo: arredor de coller aquilo que é absolutamente único e específico e volvelo universal. De xuntar o particular co universal como un medio para expresalo artisticamente, non eliminando a súa especificidade, senón destacándoa, deixando que aquilo que resulta alleo e pouco familiar brille claramente.

A guerra e a arte son opostos, ao igual que o son a guerra e a paz. É tan sinxelo como iso. A arte é paz”.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

40 anos do CDG red

O CDG presenta a programación completa do seu 40º aniversario

'Ceibe' de Fran Sieira Cía. de danza. Estrea no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas. Foto: Aigi Boga.

Ceibe