A Compañía de Teatro Universitario de Lugo estrea hoxe, martes 16 de abril, a peza Deixando a pel. Será ás 20.30 horas, no Auditorio Gustavo Freire de Lugo, dentro do Festival de Teatro Universitario de Lugo, que arrancou onte e que se desenvolverá ata o próximo domingo, 21 de abril. A entrada é gratuíta, ata completar a capacidade do espazo, con reserva previa.
A programación do festival inclúe tamén funcións doutras compañías de teatro universitario (procedentes de Ourense, Santiago, Pamplona…) e tamén terán lugar actividades formativas, como un obradoiro de creación con Ana Vallés.
Deixando a pel é unha peza de teatro físico que danza entre varios mundos e presenta varias personaxes presas da mesma historia, que tratarán de sobrevivir nunha sociedade deshumanizada. A proposta, da que asina a dramaturxia, a dirección e o espazo escénico Andrea González, aborda temas como a xuventude, o amor, o suicidio adolescente, a disforia de xénero e a crítica social, e reflexiona arredor de cal é o límite que pode aguantar unha persoa e sobre a presión e a responsabilidade sociais.
A dramaturxia, segundo explica Andrea González, está inspirada no personaxe de Segismundo da obra A vida é soño, de Calderón de la Barca, así como na película Laurence Anyways, de Xavier Dolan, e en múltiples investigacións e relatos anónimos. Deixando a pel está dirixida, xa que logo, ao público adulto, ten unha duración aproximada de 52 minutos, e integran o seu elenco Ana Páez, Aitana López, Andrea Maseda, Alba Giráldez, Anna Aycoberry, Camila Besuschio e Mhja Bouferma.
Ademais da función desta tarde, poderá verse mañá pola mañá nun pase para institutos, e despois o 23 de abril no Teatro Principal de Santiago de Compostela, dentro da MOTU; o 25 de abril en Pamplona, na XV Muestra de Teatro UPNA; o 28 de abril no Teatro Principal de Ourense, dentro da MITEU; e o 16 de maio en Donostia, na XXXV Muestra de Teatro Joven.