O Teatro Rosalía de Castro da Coruña acolle este sábado, 27 de abril, unha función de É difícil fotografar o baleiro, do Colectivo D’elas. Será ás 20.30 horas, dentro da programación TRC Danza, e trátase da segunda presentación ao público desta peza en clave de danza urbana e creación contemporánea, despois da súa estrea o 5 de abril no Teatro Jofre de Ferrol.
É difícil fotografar o baleiro é a primeira produción de longo formato para teatros e auditorios da compañía e trátase “dunha aposta por atopar se existe algo máis aló do corpo”. D’elas preséntao como “un cuestionamento poético da verdade, do centro, da transcendencia”, que se desenvolve “a través das experiencias de seis corpos moi diversos”. A partir de aí, explican, “atopámonos coa superficialidade da identidade, cunha busca dunha esencia difícil de conquistar, e as dinámicas xeradas entre estas seis intérpretes mergullarán a persoa espectadora nun tránsito entre corpos baleiros e corpos que aluden á intuición, á transcendencia ou á ilusión”.
“Nunha viaxe entre cantos gregorianos e a música techno de LLXNTO e Bruno Baw as seis bailarinas móstrannos corpos virtuosos pero humanos, con capacidades extraordinarias pero coas limitacións de ser mortais, magoables e imperfectos. Unha tentativa de habitar un corpo cru, doente e limitante; pero un corpo capaz de amar, sacrificar ou soñar máis aló, afundindo a persoa espectadora nunha viaxe visceral, sinistra e chea de metáforas”, resumen.
Ficha artística
Dirección: Julia Laport.
Creación e Interpretación: Myriam González, Eloi García, Martín Sanjurjo, Andrea Castro, Noelia Mato, Iria Casal.
Espazo lumínico: Nacho Martín Rivas.
Espazo sonoro: Bruno Baw e LLXNTO Vestiario: Yago Valverde, Elise Abella.
O proxecto obtivo unha axuda á creación da Agadic – Xunta de Galicia.
O colectivo
D’elas é un colectivo de danza integrado por dez artistas emerxentes de Galicia: Andrea Castro, Eloi García, Martín Sanjurjo, Myriam González, Nerea Balado, Julia Laport, Sabela Domínguez, Iria Casal, Noelia Mato e Diana Montserrat. Xuntáronse en setembro do 2020 pola necesidade de desenvolver a través da colectividade, de crear pontes entre artistas do movemento e de levar as linguaxes das danzas urbanas á escena.
D’elas busca representar a resistencia. Nun contexto social e cultural onde xuntar un grupo tan grande de artistas nun proxecto profesional resulta “case utópico”, este colectivo atopou a súa potencialidade “na unión e na forza conxunta”. En agosto de 2021 estrearon OCCO, dirixida por Julia Laport e Sabela Domínguez no programa da Xunta de Galicia Propulsa Danza + Paisaxe + Patrimonio (A Estrada, Pontevedra). En maio de 2022, OCCO foi unha das cinco pezas finalistas do Certame Coreográfico de Compostela. É difícil fotografar o baleiro, dirixida por Julia Laport, é a súa segunda produción, nesta ocasión con formato para sala.
As compoñentes de D’elas proveñen das danzas urbanas e danzas club, entre as que destacan o house, o waacking, o hip hop e o popping; compaxinando isto con formación en danza contemporánea. Son ademais integrantes doutras compañías de creación escénica.
A súa actividade escénica vese acompañada dunha gran presenza na comunidade urbana, impulsando e participando en varios proxectos e eventos tanto a nivel nacional como internacional (Madrid, Barcelona, Milán, Londres…). Combinan isto co seu papel pedagóxico, onde todas elas levan a cabo numerosas formacións e aulas regulares en diferentes zonas de Galicia.