Chega a Utópica rodante ao XXV Festival Internacional de Títeres de Redondela, un proxecto co que a compañía Teatro ó Cubo pretende levar os seus espectáculos itinerantes até máis de cen concellos do noso territorio entre os meses de maio e setembro, comezando o pasado 12 de maio en Negueira de Muñiz (Lugo) e rematando en Catoira (Pontevedra).
Un proxecto que conta co apoio do Centro Dramático Galego, quen o acubillou como unha das actividades propostas para celebrar o seu 40º aniversario, coa intención de achegar o teatro ao rural galego, neste caso co novo espectáculo itinerante da compañía, De Vilatriste a Vilalegre.
E que mellor marco que o XXV Festival Internacional de Títeres de Redondela para que esta compañía presente a súa nova peza celebrando ademais o Día das Letra Galegas?
De Vilatriste a Vilalegre é un espectáculo que mestura o traballo actoral co de monicreques, e que parte dun texto orixinal de Roi Vidal Ponte. Este conta a historia dunha vila, Vilatriste, coñecida polo carácter tristeiro da súa poboación, e que un día se confronta coa chegada dun grupo de superheroes que lles causan unha fonda desconfianza, e que farán o que faga falla para gañar o favor da vila, agora rexida por un alcalde con visos de vilán.
De feito, esta peza de Vidal Ponte ofrece unha interesante lectura sobre a dobre cara das persoas, xogando a que os heroes parezan ser os viláns de primeiras, e agochando o verdadeiro vilán baixo o disfrace de persoa agradábel e bondadosa.
Podemos aprender así unha lección importante: que as aparencias poden ser enganosas.
De Vilatriste a Vilalegre cumpre coas máximas do teatro de rúa e de monicreques: ser unha peza entretida, que consegue manter a atención dun público tan esixente como o infantil e que aínda por riba ofrece unha lección ética e moral importante.
Para iso, Teatro ó Cubo fai unha proposta na que a propia escenografía (deseño de Bea de Vega) está acollida dentro do interior da Utópica rodante, que ofrece a visión da lagoa e a súa brétema.
Con todo, os intérpretes da peza, Uxía Algarra e Roberto Casal, fan un auténtico despregue da súa pericia física, de raigame circense, compoñendo unha serie de coreografías coas que acompañan a representación, engadindo así dinamismo e contraste humano á presenza dos bonecos.
A dirección da peza corre a cargo do mesmo Roberto Casal e tamén de Sofía Espiñeira, que fica nesta ocasión detrás da escena. Ámbolos dous coñecen abondo o material co que traballan como para presentar un traballo intelixente e efectivo.
Acompañando a peza, a música composta por Brais das Hortas, e o vestiario deseñado por Carmen Pichel, ámbalas dúas totalmente funcionais e adoitadas para o caso.
De Vilatriste a Vilalegre continuará o seu camiño polo menos até setembro, divertindo a grandes e catives, logo de percorrer as nosas catro provincias.