in

Cris Balboa mostra a súa ‘Residencia Paraíso’ no Vello Cárcere de Lugo

Pderá verse en aberto o seu traballo en proceso, esta tarde, ás 20.00 horas

Cristina Balboa

O pasado 13 de maio, Cris Balboa iniciaba a súa participación na oitava edición das Residencias Paraíso 2024, un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. Facíao no Vello Cárcere de Lugo, en torno á súa proposta artística titulada SinteSinte é un proxecto que ten a música como catalizador, a palabra como xogo e o baile como liberación. Esta tarde, ás 20.00 horas, con acceso libre ata completar a capacidade da sala, a creadora galega ofrecerá, tamén no Vello Cárcere, unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que conta co apoio da Agadic e do Concello de Lugo.

O proxecto

Sinte é “un proxecto coa música como catalizador, a palabra como xogo e o baile como liberación. Unha viaxe desde a fraxilidade para desarmar as coirazas coas que nos movemos polo mundo e celebrar que todas somos seres sensibles vibrando en frecuencias diversas”. Cris Balboa relata con paixón o seu conflito co mundo que a arrodea desde un punto de vista singular e persoal, buscando influír nos estados de ánimo colectivos a través da música electrónica. Sinte proponse como “un lugar de expresión nunha sociedade cada vez máis afeita á frialdade das transaccións económicas, desbordada pola velocidade terminal que nos fai menos conscientes da nosa realidade”.

A artista

Cris Balboa é unha creadora galega que ten como motor “a presentación escénica do absurdo cotián na procura dun diálogo xeracional onde investiga a posibilidade de transformación social e persoal que ten a arte”. O seu traballo artístico mestura palabra, acción, danza, audiovisuais e música, cruzando a súa obra con elementos narrativos que oscilan entre a ironía, o humor, o hedonismo ou mesmo a desesperación. Os seus textos, que parten do autorretrato e a autoficción como formas comunicativas, buscan xerar un sentimento de identificación co espectador para reflexionar sobre a vida dende o cotián, situando o seu corpo e a súa experiencia como centro da dúbida sobre o que somos.

En 2011 forma a súa compañía Funboa Escénica e desenvolve proxectos en colaboración con artistas como Lúa Gándara, Manuel Parra, Félix Fernández, Estevo González e Paulina Funes, entre os que se encontran as obras O que segueTechnocraciaSushi gratis e Masa madre + sal marina, presentadas en diversos festivais e eventos estatais.


Publicidade

 As Residencias Paraíso

Neste 2024, as residencias artísticas desenvólvense entre abril e outubro no Pazo da Cultura de Narón, o Pazo da Cultura de Carballo, a Casa da Cultura de Vimianzo, o Vello Cárcere de Lugo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego, o Pazo da Cultura de Pontevedra e a Igrexa da Madalena de Ribadavia. Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón.

Entre os 203 proxectos recibidos na actual convocatoria das residencias, o Colectivo RPM seleccionou a Sergio Marey, Fran Rodríguez & Brais Pombo, Ana Cotoré, Desgarradura, Noela Covelo Velasco & Élise Moreau, Cris Balboa, Lucas Damiani, José Ramón Hernández / Osikán – vivero de creación e Furia Sotelo como ‘Artistas Paraíso 2024’.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

I Xornadas da Academia Galega de Teatro

A Academia Galega de Teatro celebra as súas II Xornadas

Presentación Galicia Escena Pro 2024 Agadic 23/05/24

Galicia Escena Pro recibirá máis de 200 profesionais do 27 ao 30 de maio